Na Conferencia Política socialista, o ministro de Xustiza avogou por un Estado federal e por “non mesturar competencias” e lembrou que a Xunta tamén ten que dar unha resposta á crise.
Caamaño insta á Xunta a subir os impostos ás rendas altas para soster as súas competencias, logradas con esforzo
O Estatuto recolle que o galego é a lingua de Galiza, “non o catalán, o éuscaro ou o inglés, aínda que a algúns non lles pareza ben”. Así comezou a súa intervención ao respecto da cuestión lingüística o ministro de Xustiza e presidente dos socialistas coruñeses, Francisco Caamaño na Conferencia Política que esta fin de semana celebra o PSdeG. Lembroulle ao presidente da Xunta que a súa obriga é a de protexer e defender a nosa lingua: “do castelán xa se encarga o goberno español”, espetou.
Estado Federal
No discurso de benvida deste acto que definirá o ideario político dos socialistas galegos para os próximos tempos, Francisco Caamaño apostou por un Estado federal e por “non mesturar competencias” nin tolerar “escusas de mal pagador: “ao Estado o que é o Estado e a Galiza o que é de Galiza, subliñou, “a cada un o seu, a súa competencia mais tamén a súa responsabilidade”. No caso de Galiza, segundo precisou, estas inclúen as políticas activas de emprego, o sistema de saúde, a limpeza dos montes e o coidado dos ríos, a atención a maiores e dependentes e o estado das escolas e os xulgados entre outras.
Subir os impostos ás rendas máis altas
Caamaño foi moi crítico no seu discurso con Alberto Núñez Feijoo, a quen lle pediu que “deixe de pasear polas radios de Madrid” e “de botar a culpa de todo ao goberno español”. “Menos política e máis traballo”, dixo ao tempo que lle exixiu que poña en marcha as medidas que Galiza precisa e que o acusou de “intentar envolver en propaganda” a súa política “inexistente”. Finalmente, apuntou que se Feijoo cre que non ten bastantes recursos para os servizos “todo o que ten que facer é o que fan as comunidades gobernadas polo PSOE: subir os impostos ás rendas máis altas”.
A saída está na esquerda
“Galeguismo” e “progresismo” foron dúas das palabras máis escoitadas nesta xornada no acto socialista, que defendeu ao PSdeG como un “partido de goberno”, que traballa para gañar as eleccións dende a “defensa dos servizos públicos”, da “educación pública e laica” e da sanidade “universal e gratuíta”. Así se pronunciaba xa no peche do acto inaugural o secretario xeral, Manuel Vázquez, quen sinalou que os socialistas non permitirán “que o PPdeG empregue o medo como arma política”. Vázquez demandou á militancia un esforzo para “recuperar a confianza da cidadanía” e especialmente da esquerda e dos progresistas, así como ser críticos co modelo económico vixente. Finalmente, acusou ao PPdeG de “retrotraernos a situacións predemocráticas”, con falsas acusacións de corrupción e adiantou que os socialistas manterán as súas críticas e que non lle pasarán “nin unha” aos populares.