O ex ministro de Defensa con Uribe parte con vantaxe nas enquisas en Colombia. Mentres, en Polonia, o liberal Komorowsky aparece diante de Kaczynski.
Mockus á esquerda, Santos á dereita, nun dos debates televisados
Os colombianos acoden este domingo a unha cita coas urnas que á fin semella ir ser menos reñida do que se prognosticaba. As últimas enquisas outorgábanlle a maioría nesta segunda volta electoral a Juan Manuel Santos, ex ministro de Defensa do actual presidente en funcións, Álvaro Uribe, quen obtería segundo esas previsións un 60% dos votos. Unha distancia maior ao que inicialmente semellaba un rival con serias aspiracións a vencer nesta elección, o candidato dos Verdes, Antanas Mockus.
Nos últimos días, o ex presidente César Gaviria outorgoulle o seu apoio público a Santos, afirmando esperar que sexa "un bo presidente" e reclamándolle que asuma as bandeiras do "respecto aos dereitos humanos, ao poder xudicial e a unha estrutura tributaria máis xusta". "Oxalá lle poña fin á cultura do todo vale", expresou Gaviria, en clara referencia crítica ao actual presidente Uribe. Unhas palabras que foron respondidas polo propio Uribe diante dos micrófonos, cualificando de "covarde, miserábel, canalla" a Gaviria.
Poden ampliar información nos xornais colombianos El Tiempo e El Espectador.
Prognóstico de segunda volta en Polonia
As miradas tamén se dirixen nesta xornada dominical cara a Polonia, onde despois da morte en accidente de aviación do presidente Lech Kaczynski o pasado 10 de abril o país está chamado ás urnas para elixir novo presidente.
As enquisas sitúan como favorito o liberal Bronislaw Komorowski, pero fronte a el gañou fortaleza os últimos días o ex primeiro ministro e irmán do falecido presidente, Jaroslaw Kaczynski. Deste xeito, e se antes da morte do anterior presidente as sondaxes prevían unha ampla vitoria en primeira volta de Komorowski nas eleccións previstas para o outono, o novo escenario de adianto electoral trae prognóstico dunha segunda volta o vindeiro 4 de xullo na que se enfrontarían Komorowski e Kaczynski. Os liberais da Plataforma Cívica de Komorowski xa pilotan o país na actualidade co executivo liderado polo primeiro ministro Donald Tusk.