O candidato 'uribista' obtivo o 69% dos votos. Mentres, en Polonia o liberal Komorowski (46%) e o conservador Kaczynski(33%) disputarán unha segunda volta.
O ex ministro de Defensa, Juan Manuel Santos, será novo presidente de Colombia logo de vencer este domingo na segunda quenda das eleccións presidenciais do país. Santos obtivo unha marxe aínda maior da que prognosticaban as últimas enquisas sobre o candidato dos Verdes, Antanas Mockus, chegando ao 69% dos votos. A xornada estivo marcada pola alta abstención nun domingo de intensas choivas en toda Colombia.
Poden ampliar información nos xornais colombianos El Tiempo e El Espectador.
Segunda volta en Polonia
Por outra parte, os comicios polacos deberán resolverse nunha segunda volta despois de que ningún dos candidatos superase a barreira do 50% este domingo. A próxima votación será o 4 de xullo.
Recordámoslles que as enquisas sitúan como favorito o liberal Bronislaw Komorowski, pero fronte a el gaña fortaleza o que será rival na segunda volta, o ex primeiro ministro e irmán do falecido presidente, Jaroslaw Kaczynski. Os liberais da Plataforma Cívica de Komorowski xa pilotan o país na actualidade co executivo liderado polo primeiro ministro Donald Tusk.