O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi) examina os "marcados intereses políticos" detrás dos choques da semana pasada.
"Zona quirguiz", na cidade de Osh
"Cun balance hipotético de 180 mortos (a cifra podería ser moi superior) e máis de 1.800 feridos, os mortais enfrontamentos rexistrados nas provincias de Osh e Jalalabad, ao sur de Quirguizistán, entre as comunidades quirguiz e usbeca, ilustra un caótico panorama neste país centroasiático, desfeito por violentos conflitos interétnicos onde están aparentemente implicados diversos actores con claros intereses políticos", afirman desde o Igadi.
O último número do Igadi Paper, o instrumento de análise e información do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, "destinado a afondar de forma equilibrada e sintética nalgún conflito, acontecemento ou tendencia internacional de relevancia e actualidade", debulla os choques da semana pasada, os peores entre etnias en 20 anos.
"A situación revela igualmente as dificultades para consolidar unha estábel transición na esfera centroasiática, seriamente afectada pola fraxilidade política e institucional, o complexo mosaico étnico e o pulso de intereses exteriores", valora o Igadi que considera que "independentemente dos factores e intereses latentes detrás da violencia étnica" hai ademais o "risco de reproducir un clima de 'balcanización'" nesta rexión.