Varias organizacións sociais do país impulsan unha Semana de Solidariedade coa Resistencia Hondureña.
Katia Lara dirixiu o documental
Esta quinta feira desenvólvese o primeiro dos actos da Semana de Solidariedade coa Resistencia Hondureña que impulsan varias asociacións do país coincidindo co primeiro cabodano da morte da democracia en Honduras, do golpe de Estado que tirou do poder o presidente constitucional, Manuel Zelaya.
A Galería Sargadelos de Ferrol proxectará ás 19.30 horas o documental Quién dijo miedo. Honduras de un golpe, estreado a semana pasada en Buenos Aires, La Paz, Managua ou Hamburgo. O luns tamén se poderá ver na libraría Couceiro de Compostela ás 19.00 horas, e na Galería Sargadelos da Coruña ás 19.30 horas. As proxeccións estarán acompañadas dun coloquio dirixido por cidadás hondureñas residentes en Galiza.
O obxectivo principal das asociacións organidoras (ACSUR- Las Segovias, Amarante Setem, CEDEC, Cosal, Coordinadora de Crentes Galegos, Fuco Buxán e Whipala) é recordar que "a represión e persecución de persoas vinculadas a movementos sociais e a vulneración de dereitos humanos e civís en Honduras seguen vixentes a día de hoxe".
A pesar do "aparente verniz democrático que loce o actual goberno de Porfirio Lobo", a Comisión Interamericana de Dereitos Humanos (CIDH) constatou estes feitos. Ademais, organizacións de dereitos humanos hondureñas rexistraron un total de oito xornalistas asasinados así como centos de ameazas, atentados, secuestros, violacións e ataques contra medios de comunicación independentes.
Carta conxunta ao Parlamento
Por outra banda, os colectivos convocantes teñen previsto enviar unha carta conxunta ao Parlamento exixindo o "non recoñecemento" do goberno de Porfirio Lobo e o restabelecemento das relacións de cooperación "de forma subordinada á depuración das institucións públicas hondureñas".
Entre as demandas tamén está a "ratificación" da Fronte Nacional de Resistencia Popular -que agrupa diferentes movementos sociais hondureños- como un "interlocutor indispensábel" para a plena restitución da democracia e a reconstrución institucional do país.