O PSdeG atribúe a perda de telespectadores e de cota de audiencia da canle pública á "manipulación e censura sen precedentes" do actual Goberno.
A canle pública de televisión TVG "está en caída libre" debido á perda de telespectadores e de cota de audiencia, sinala o PSdeG nun comunicado enviado aos medios este domingo, onde atribúe a situación á "manipulación e censura sen precedentes" do actual Goberno da Xunta.
En xuño a audiencia media foi do "10,4%, a peor cifra de toda a historia da canle autonómica", afirman os socialistas, e precisan que até o de agora a marca máis baixa alcanzada pola TVG era do 11,8% en agosto de 2009.
Sinala que logo de chegar ao poder o ano pasado o actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, líder do PPdeG, houbo un descenso da cota de telespectadores da canle, unha situación que o PSdeG considera "especialmente preocupante porque se produce en todas as faixas horarias".
Concretamente, constatan o maior baixada na programación da tarde. En xuño, os programas de noticias neste horario "caeron estrepitosamente e situáronse por baixo do 10%" da cota de audiencia, din.
Engaden, ademais, que de luns a venres os informativos da tarde tiveron unha cota de audiencia media do 9,7% e as fins de semana do 7,9%. Os do mediodía rexistraron unha cota de audiencia media de luns a venres do 26,6% e as fins de semana inferior ao 19%, cando o anterior equipo lograba superar o 30%, afirman na nota os socialistas.
O deputado Ricardo Varela, portavoz do PSdeG na comisión parlamentaria de control da TVG, denuncia ao respecto a "espectacular caída da audiencia", que obedece a que "os telespectadores galegos non son inxenuos". "Non se trata dun problema de programación, senón de manipulación e de mentira", afirma.