“As consellerías lanzan iniciativas, pero moitas veces están descoordinadas, ou non son realmente urxentes para a sociedade”. Así fala Carlos Macía, investigador do IDESGA, quen acaba de doutorarse cunha tese na que compara as políticas de Irlanda e Galiza para superar a fenda dixital.
Macía conclúe que a política tecnolóxica da anterior Xunta era “espontánea”, é dicir, improvisada e sen coordinación entre consellerías. Por iso o investigador loa a recente aprobación do Plano Estratéxico da Sociedade da Información (PEGSI) polo bipartito.
Galego no ciberespazoMacía tamén avaliou na súa tese a presenza dos contidos en galego en internet. A conclusión é que unicamente a metade das webs elaboradas en Galicia están na lingua do país; un problema "complexo" que, na súa opinión, superA o ámbeto das novas tecnoloxías.
Nunha entrevista co portal do PEGSI o experto reclama que as universidades se adapten ás necesidades do crecemento empresarial pois “en Galiza temos investigadores moi ben formados, como os enxeñeiros químicos, pero todos acaban traballando fóra”.
Na súa tese sinala que Irlanda aplicou un modelo planificado para a extensión da sociedade da información, mentres que en Galiza foi “espontáneo”. A que que se refire con este termo? Refírome a que o goberno anterior non tiña ningún modelo de planificación, ao contrario do irlandés. Para desenvolver a sociedade da información temos que partir dun plan estratéxico. No caso de Galicia isto non sucedeu ata que se aprobou o PEGSI, que foi en xaneiro de 2007.En Irlanda a finais dos 90 sacaron o seu plano estratéxico e agora están co segundo. Decatáronse que estaban ante unha revolución tecnolóxica importante e planificaron, polo contrario aquí as cousas van saíndo...
Podería sinalar un asunto que en Irlanda se abordara de xeito planificado e en Galiza non?
Por exemplo, en Irlanda houbo un plan para estender internet por todo o país. Dende as diferentes administracións tomáronse medidas conxuntas para facelo posible. A rede chegou coordinadamente ao mundo rural, ás escolas, ás administracións, a todas partes. En Galicia fixéronse iniciativas illadas. A Consellería de Educación sacou no seu momento o SIEGA, un plan para informatizar os colexios. Pero, mentres tanto, os espazos rurais quedaban descolgados das novas tecnoloxías.
A falta de coordinación pode causar que se dupliquen as iniciativas públicas? Si, porque ao non haber un plano estratéxico as actuacións públicas convértense en pequenas illas. As consellerías e as direccións xerais lanzan iniciativas, pero moitas veces están descoordinadas, ou son iniciativas que son moi valiosas para esa consellería e non son realmente urxentes para a realidade social galega. Había moitas pequenas actuacións pero faltaba coordinación.
Cre vostede que, a raíz do PEGSI, este problema estase solucionando?
Aínda é moi cedo para sabelo. Pero sen dúbida as cousas van mellorar; peor non podían ir, tal e como estábamos antes. En España houbo moitos plans como InfoXXI que foron un fracaso tremendo, porque unha cousa é planificar e outra moi distinta é que se leven a cabo as actuacións previstas. Pero no caso do PEGSI o primeiro paso xa está feito, e iso é moi positivo.
Na tese sinala que Irlanda investiu as axudas da Unión Europea principalmente en formación e novas tecnoloxías. No caso galego, gastáronse en infraestruturas, estradas, etc. Ata que punto isto explica o diferente grao de desenvolvemento da sociedade da información? Hai 30 anos Galicia e Irlanda eran economías rurais, de subsistencia. Isto cambiou, pero fíxoo de xeito diferente. En Irlanda aproveitouse a entrada na UE para apostar pola innovación e deulles moi bos resultados. No caso galego, fixéronse grandes obras faraónicas. Os resultados destas estratexias diferentes pódense ver hoxe. Irlanda ten a segunda renda per cápita da UE e case non ten paro. As universidades e os institutos de innovación están moi desenvolvidos; polo que as grandes multinacionais atopan nos irlandeses unha man de obra moi cualificada. En Galiza temos investigadores moi ben formados, como os enxeñeiros químicos, pero todos acaban traballando fóra. Hai unha descoordinación clara entre a realidade económica e a universidade e a investigación.
Vostede cre que estamos a tempo de corrixir esta descoordinación? Si, o novo goberno fixo unha aposta evidente pola sociedade da información, aí está o PEGSI. Tamén é un feito que subiron os orzamentos para a investigación. É unha aposta decida, seria e que ten que dar resultados.
Na tese tamén se indica que existe un problema de visibilidade do galego na rede... Fixemos unha análise da produción web no país. Atopamos que, máis ou menos, a metade das webs publicadas en Galicia están en galego, o que non é unha mala porcentaxe. O problema é que as que están en castelán non dan a opción de ve-las en galego. É evidente que cómpre potenciar máis o galego na rede, pero isto supera ás novas tecnoloxías, é un problema moito máis complexo, de presencia da lingua na sociedade.
Outra das diferenzas que sinala a súa investigación é que Irlanda, por ser un estado independente, ten máis marxe para planificar a súa política tecnolóxica, mentres que a galega está condicionada por Madrid... Isto hai que analiza-lo en termos económicos, non só de novas tecnoloxías. Irlanda é un estado independente e pode toma-las súas propias decisións, cousa que Galicia non pode. Por exemplo, isto explica que os irlandeses puidesen fomentar a presencia de multinacionais estranxeiras no país. Esto é algo que puido realizar Irlanda e Galicia non. É dicir, Irlanda pode escoller cales son as súas grandes prioridades en materia económica e as galegas sempre dependerán de Madrid. E agora os dous dependen moito de Bruxelas. Iría Galicia mellor se fose un país independente? Ben, isto é unha hipótese de valoración moi complexa.