As sete plantas que Industria prevé instalar en Galiza producirán 40 megavatios de energía mediante a queima de residuos de biomasa forestal. Para ADEGA, o uso da biomasa para producir enerxía, malia a facer uso dun recurso renovábel e contribuir a diminuir o risco de lumes, non está exento de problemas e impactos ambientais. A súa incineración para producir electricidade ou calor, podería converterse nun obxectivo en sí mesmo, ao servizo dos intereses produtivistas das transnacionais da enerxía, tal como ocorríu coa enerxía eólica.
Para garantir a
sustentabilidade ambiental e social aproveitamento da biomasa, compriría en primeiro lugar diversificar o seu aproveitamento para facer da
compostaxe o destino principal destes materiais. Deste xeito, contribuiriase a devolver ao monte parte da materia orgánica que detraemos del e
recuperar a fertilidade duns chans fortemente empobrecidos polos lumes forestais. Ademáis, o mato e a madeira morta cumpre unha importante
función ecolóxica no monte, e a máxima de manter os montes limpos debería substituirse pola de ter a floresta coidada, isto é, aproveitar só os recursos (restos de cortas e clarexos, rexeites de aserradoiros...) que non comprometan o equilibrio ecolóxico dos nosos ecosistemas forestais.
Recuperar esta materia orgánica mediante a compostaxe, aproveitando ademáis outros recursos problemáticos coma as lamas de depuradora e a materia orgánica dos residuos urbanos (convenientemente separada) para elaborar un abono de calidade, debería ser unha prioridade para os proxectos de aproveitamento da biomasa forestal.
Logo de cumprida esta condición, o eventual aproveitamento enerxético da biomasa debería cumprir os seguintes criterios ambientais:
1. Priorizar os sistemas enerxéticos a pequena escala, orientados á xeración de calor e achegados aos lugares de producción do recurso (Principio de Proximidade).
2. As instalacións deberán
dimensionarse en función da dispoñibilidade do recurso no contorno próximo, previamente valorado, e non ao revés. Neste senso, deberían aproveitarse só aqueles recursos que sexan excedentarios, xa que un exceso de demanda podería ter implicacións negativas sobre os recursos (solo e/ou vexetación).
3. Non se deberían permitir en Galiza os cultivos e plantacións enerxéticas. O aproveitamento da biomasa forestal e agrícola debe ser unha actividade complementar do aproveitamento silvícola e da agricultura, e non un obxectivo en sí mesmo.
4. O balanzo enerxético do sistema producción-uso debería ser positivo. A enerxía neta producida polo ciclo da biomasa (a enerxía solar liberada) debe ser maior que a enerxía usada no ciclo de vida dende a xerminación até a xeración.
5. Neutralidade respeito do carbono. A emisión neta de carbono do ciclo da biomasa usada debería ser cero ou negativa.
6. Libre de transxénicos. Os vexetais e enzimas usados no procesamento da biomasa non deben incluir plantas ou outros organismos modificados xeneticamente.
7. Libre de tóxicos. O procesamento da biomasa non debería producir:
- Ningunha materia tóxica adicional e ningún aumento neto na toxicidade da materia.
- Ningunha emisión externa de contaminantes que non estén relacionados co proceso de combustión do carbono orgánico.
- A inmisión de SO2 e NOx non debería superar a carga crítica do contorno. Neste senso, non debería considerarse o uso de restos provintes da construcción e a industria do móbel pola presenza de contaminantes en forma de pinturas, vernices e outros tratamentos.
8. Plantacións sustentábeis. O procesos de produción de calquera proxecto de biomasa deben ser sustentábeis con respeito á agua, fertilizantes, fitosanitarios e balanzos minerais do solo, e estar ligados xeograficamente ao proxecto enerxético.
9. A utilización de restos forestais como biomasa non é aceitábel:
- En espazos forestais incluidos na Rede Natura 2000 e na RGEP nos que non esté permitido a explotación forestal, bosques naturais e masas forestales con presenza de especies ameazadas ou en regresión sensíbeis aos aproveitamentos silvícolas.
- En zonas de pendentes pronunciadas e risco de erosión e en chans pobres ou empobrecidos.
10. Deben
excluirse específicamente do aproveitamento enerxético os residuos urbanos (RUs), radiactivos, tóxicos, perigosos e hospitalarios, que non poden ser considerados biomasa.