Falamos coa ourensá Tereixa Paz, segunda na lista do Bloque atrás do actual conselleiro do Medio Rural, e aspirante a repetir escano no Parlamento.
Completa vostede unha traxectoria de case catro anos no Parlamento. Nesta estrea e á espera de repetir outra lexislatura, que é o mellor do balance deste tempo na Cámara?
Aínda que con moitas deficiencias e inconvintes ás veces nos prazos, é indubidábel que asistimos no Parlamento nesta lexislatura a debates importantísimos onde se trataron moitas cuestións fundamentais para o país. E o Parlamento respondeu estando á altura das circunstancias. Déronse pasos clave na consecución dunha das metas que nos propuxéramos e que é conseguir que a institución exerza o seu papel como institución de referencia do país. Un cambio significativo con respecto ao protagonismo que perdera durante anos.
Sirva de exemplo que nos primeiros pasos da lexislatura sufrimos dunha grave vaga de incendios e que se produciu unha resposta inédita desde a propia Cámara. Fíxose unha comisión parlamentaria onde se escoitaron voces moi diversas e por primeira vez na historia do autogoberno as conclusións de aí tiradas foron tidas en conta polo Goberno e ao pouco tempo conseguíamos a aprobación dunha lei de prevención de incendios clave para o país. Un texto lexislativo que contribuirá á necesaria posta en valor do monte, e que terá continuidade cunha lei de montes que quedou ás portas de ser tramitada e que afondará nesa posta en valor decisiva para o impulso do rural do país. Son exemplos claros da viraxe que experimentou Galiza e do punto de inflexión marcado co cambio de Goberno en 2005.
E quédalle algunha frustración do traballo realizado? Que é o peor desoutro balance?
Sen dúbida o peor é que non fósemos quen de reformar o regulamento do Parlamento. Era un compromiso dos grupos que apoiamos o Goberno e partíamos tendo iso como unha prioridade. No camiño de facer protagonista da vida política do país ao Parlamento é necesario unha reforma da propia institución que lle outorgue axilidade, inmediatez e capacidade de resposta, democratización do seu funcionamento. Todo un abano de cambios que melloren e perfeccionen a súa función. E penso que nesa tarefa o grupo parlamentario do BNG foi ambicioso e fixemos grandes esforzos. Na mesa está un texto que no seu momento lle achegamos aos outros grupos para comezarmos a traballar sobre el. Con todo, espero que á volta destas eleccións, a ponencia constituída hai un ano poida recuperarse para aprobar antes de que remate este 2009 esa reforma urxente.
Á hora de facer campaña en terras ourensás, que prioridades como candidata por esa circunscrición lle expón aos veciños de xeito prioritario?
O máis urxente é afondar en iniciativas que contribúan a combater ese desequilibrio territorial que durante anos non se atendeu. Hai que profundizar en medidas que vaian nese sentido, e é importante sermos conscientes de que iso non significa só a proposta de infraestruturas, que a miúdo é o que máis se destaca. Penso que os nacionalistas fomos quen de ampliar esa visión e ofrecer respostas políticas concretas para a posta en valor do interior do país.
O medio rural é precisamente no que vostede se especializou neste tempo no Parlamento, que desafíos ve por diante?
No contorno do medio rural e do benestar, fornecemos de proxectos que contribúen a frear o despoboamento e que pulan en favor de fixar poboación no rural, de axudar ao emprendemento e facilitar que a xente poida vivir e traballar no rural galego. Mentres outros semella que, por exemplo, só falan de se o tren de alta velocidade vai chegar ou non, nós recordamos que os servizos ferroviarios estiveron degradándose durante moito tempo e que é fundamental apostar polo tren de proximidade.Estivemos ofrecendo ideas a prol de tarefas esenciais: garantir a articulación interna no propio territorio, apoiar o desenvolvemento económico, achegando propostas sexa sobre transporte, servizos sociais... un feixe de cuestións que a miúdo se esquecen.
Cando se fala de Ourense é inevitábel pensar niso que se deu en chamar o "baltarismo", unha forma particular de facer política e tocar o trombón... que pensa vostede que mantivo tanto tempo na provincia ese poder, xa non do PP, senón de Baltar?
O poder de Baltar susténtase no uso partidario durante moitos anos dunha institución, a Deputación provincial, que no canto de estar ao servizo dos cidadáns estaba ao servizo duns intereses particulares dunha formación política: o PP. E cando ese partido gobernaba tamén na Xunta, a rede tecida en Ourense ía moito máis aló, xa que o baltarismo non só controlaba ao seu parecer particular os mecanismos da deputación, senón que tamén manexaba de xeito clientelar a relación da provincia con todos os departamentos da Xunta. A interlocución a pé dun concello cunha consellaría non era posíbel se non pasaba pola peneira da deputación, sendo Baltar quen tiña o poder absoluto. Foi un lastre para a cidadanía e en definitiva un freo para Ourense.
E non se corre o risco de que á fin o cambio de signo político sexa poñer uns por outros pero que esas inercias das que se aproveitou Baltar continúen igual?
Penso que se avanzou moito en rachar con esas estruturas e que esta cita coas urnas será exemplo diso. Un dos éxitos do Goberno co cambio en 2005 foi precisamente eliminar esas barreiras. Os propios alcaldes do PP saben que agora teñen unha capacidade e unha facilidade de interlocución para resolveren os seus problemas e necesidades e axilizar as iniciativas en favor dos cidadáns da que non dispoñían antes. Non teñen que pasar a peneira de Baltar e hai mecanismos transparentes no deseño das políticas.
Os ourensáns interiorizaran durante anos un certo grao de resignación sobre o futuro da provincia. Até ese estremo chegou a constatación de que aquí non se movía nada sen pasar polo aro de Baltar. De cando en vez, vendía a moto da posibilidade de grandes proxectos de investimento que á fin nunca se concretaban e no día a día seguiamos no inmobilismo. Agora a cidadanía sabe que é posíbel reducir eses obstáculos, que levamos anos de tempo perdido, e o BNG foi quen de ofrecer proxectos concretos que exemplifican como poden poñerse en valor as potencialidades da provincia ourensá. Acabamos cunha grave forma de ver a política. Ese é un salto cualitativo decisivo e os cidadáns haberán de valoralo como se merece.
Con todo, para o BNG as sondaxes veñen sendo máis optimistas na provincia do que finalmente os resultados indican?
É parte desas inercias que lastraban a realidade da que falamos. Cando se mantiña unha presión da magnitude da que o PP e Baltar exercían sobre a cidadanía é complicado erosionar esas estruturas. Pero estou convencida de que se produciu un cambio substancial e estas eleccións darán exemplo diso. Neste país non vivimos un simple cambio de Goberno. O que aconteceu non foi que chegaran a xestionar o día a día outras persoas. Houbo unha mudanza política profunda e con maiúsculas e rachouse con inercias do pasado que freaban o desenvolvemento do país.
Éxitos como o proxecto do Banco de Terras son exemplos perfectos desa viraxe. Políticas concretas capaces de ofrecer solucións ambiciosas e que poñen en valor as potencialidades do país que até o de agora non se explotaban. E nese cambio de concepción, nese salto cualitativo, o nacionalismo xogou un papel fundamental: o BNG foi o motor do cambio. Agora temos a oportunidade de afondar nese camiño e nos próximos anos vaise visualizar esa viraxe.
E non lle tenta un salto ao Goberno á volta do 1M? Se se dese o caso, hai algún tema onde lle interesaría especialmente?
Eu estou a disposición do BNG e a miña aspiración inmediata é contribuír a que o BNG acade os mellores resultados posíbeis. E á volta do 1 de marzo creo que temos grandes desafíos a afrontar desde a tarefa parlamentaria. Estiven moi a gusto na Cámara neste tempo e creo que temos moito traballo por diante a desenvolver desde o grupo parlamentario. A miña ambición inmediata é esa: contribuír a poñer a institución no lugar protagonista que debe ter na vida política do país e espremer a capacidade do Parlamento de darlle impulso aos retos que os cidadáns de Galiza necesitan que se lle dea resposta.