A Comisión Xestora do PSdeG comezará este martes a súa rolda de reunións polas catro provincias galegas nas que "explorará as vontades das bases" para a elección do novo secretario xeral despois da dimisión de Emilio Pérez Touriño tralo resultado electoral. Segundo fontes do PSdeG-PSOE, "catro ou cinco" dos 13 membros da dirección provisional reuniranse con "todos os alcaldes e representantes dos concellos e con todas as agrupacións locais" de cada provincia para coñecer a súa opinión "sobre como se debe constituír a nova Executiva socialista".
De feito, isto foi explicado o pasado mércores polo presidente da xestora, Ricardo Varela, quen compareceu tras a súa constitución oficial para deixar claro que, aínda que a maioría dos compoñentes deste órgano son favorábeis a que o conselleiro de Medio Ambiente en funcións, Manuel Vázquez, sexa o novo líder dos socialistas, este órgano do partido "non ten ningún candidato", posto que o tal "debe ser elixido e referendado" polas bases e os militantes.
Con esta premisa e a marxe suficiente para poder analizar os resultados das eleccións no exterior, que lle devolveron ao PSdeG un escano pola provincia de Ourense que sitúa o partido de volta nos niveis de 2005, cando accedeu á Presidencia da Xunta, este martes comezan os contactos coa militancia. Así, será até o próximo venres cando os membros da xestora se desprazarán ás catro provincias, posto que o sábado vaise celebrar o Comité Nacional Galego que deberá convocar o congreso extraordinario que terá lugar, previsiblemente, o 25 de abril.