Tales serían algúns dos factores máis determinantes que fan a Galiza zona prioritaria de alerta fronte ao lume, segundo o último informe científico.
O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) sitúa a Galiza entre as zonas que máis expostas están ao perigo do lume. O seu modelo de predición de incendios forestais sinala que o principal factor de risco é a fragmentación da nosa paisaxe, un criterio incluído entre as 13 variábeis que determinan a existencia de lume provocado pola man humana.
A crise, detonante dos incendios forestais
Precisamente, o CSIC subliña que o 90% dos lumes débense directa ou indirectamente á acción do home. Por iso, alertan de que hai que ter en conta cuestións como a taxa de paro, xa que "as dificultades económicas poden influír na aparición de conflitos" que, en ocasións, se manifestan en incendios intencionados. Así, os científicos aseguran que o nivel de desemprego "poden facer que a poboación vexa na súa extinción e na recuperación das zonas afectadas unha fonte de emprego", tal e como xa sucedeu e se demostrou nalgunhas zonas do sur italiano.
Outras variábeis
Entre os outros factores que estudan para determinar o perigo de incendio son: a densidade da maquinaria agrícola, a cantidade de gando en réxime extensivo tradicional ou a fragmentación da paisaxe agrícola. A estas variábeis engádense outras como o abandono das zonas rurais, o preto que se atopa o monte das vivendas ou das vías de transporte ou a situación de infraestruturas de risco, como vertedoiros ou minas.