O presidente saínte cualifica de "intolerábel" a presión do PP para o traspaso de poderes, recordando que hai un goberno en funcións e que a lei xa fixa os pasos do proceso.
"O proceso de traspaso de poderes en democracia está totalmente regulamentado no seu procedemento e prazos e esas normas deben sen respectadas", afirmou Emilio Pérez Touriño este xoves á saída do Consello da Xunta. En resposta aos xornalistas, o presidente en funcións reclamou "respecto e lealdade" para as institucións. Touriño retrucaba así á insistencia do líder do PPdeG e futuro presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, na petición de "adiantar o traspaso de poderes" cara ao próximo equipo de Goberno.
Para o presidente saínte, a teimosía de Núñez Feijoo co asunto é exemplo das "actitudes inadmisíbeis e intolerábeis" das que acusou de manter ao líder do PP "durante toda a campaña electoral". "Todo o mundo sabe, e o señor Feijoo tamén debera, que até o de aí chega, que este é un réxime parlamentar, e que é o Parlamento unha vez constituído cos votos dos parlamentarios o que elixe un presidente", subliñou Touriño, "todo iso aínda non se ten feito, e hai normas, regras e leis para cumprir".
"A data para a constitución do Parlamento é o 1 de abril", recordou Pérez Touriño este xoves. "Este señor non respecta nin o Parlamento nin a lei e trata de crear unha imaxe falsa do presidente da Xunta e do seu Goberno, introducindo unha presión sen precedentes na historia do país", apúxolle a Feijoo, acusándoo de teimar nunha actitude "sectaria e partidaria".