Os comicios eran unha proba crucial para o país dos Balcáns -con conflitos interno e con Grecia- de cara á súa entrada na UE e na OTAN.
O candidato do partido gobernante conservador, Gjorge Ivanov, obtivo unha ampla vitoria este domingo nas eleccións presidenciais de Macedonia, consideradas unha proba crucial para este país dos Balcáns de cara á súa integración na Unión Europea e na OTAN.
Ivanov, da VMRO-DPMNE obtén 437.455 votos (63,41%) por 252.195 (36,56%) de Ljubomir FrÄ?koski, candidato da Unión Socialdemócrata, principal partido da oposición.
Os resultados baséanse no reconto do 97% dos votos, que ofrece unha taxa de participación provisional do 40,24%. A lei macedonia estabelece que polo menos un 40% dos electores teñen que votar nas presidenciais para que estas sexan consideradas válidas.
A Comisión Electoral expresou a súa satisfacción polo bo desenvolvemento da elección, que levou a cabo sen incidentes. FrÄ?koski aceptou a súa derrota e felicitou o Ivanov. "Demostramos que podemos levar a cabo eleccións á europea, pacíficas, democráticas e sen violencia", declarou este último.
Conflito con Grecia e minoría albanesa
Grecia bloquea o recoñecemento internacional de Macedonia baixo esta denominación, que considera patrimonio histórico nacional exclusivo. Atenas xa rexeitou o ano pasado a adhesión de Macedonia á OTAN por causa deste asunto. A ONU recoñeceu Macedonia en 1993 co nome de Ex república iugoslava de Macedonia.
Dos 2,2 millóns de habitantes do país, o 64,2% son macedonios e o 25,2% albaneses. O resto da poboación inclúe minorías turca e serbia, segundo o último censo, de 2003. En 2001, unha rebelión de separatistas albaneses, que durou sete meses, puxo o país ao bordo da guerra civil. O conflito rematou cun acordo de paz que deu máis dereitos civís e políticos á minoría albanesa.