Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Os verdadeiros alicerces do Vello Continente

Europa terra de pobos, a exame en Vieiros

Galegas e galegos eliximos os nosos representantes en Bruxelas o vindeiro 7 de xuño. Mais, que coñecemos realmente sobre Europa máis alá dos límites estabelecidos polos Estados?

Redacción - 13:00 04/05/2009

O coñecemento que a maioría da sociedade ten sobre a realidade plural do Vello Continente vese limitado con frecuencia á ecuación estado=nación=pobo. Unha visión centralista e estatalizada que exclúe o seu verdadeiro cerne, a auténtica esencia e espírito de Europa: o patrimonio cultural, histórico dos pobos, das nacións e das minorías que a conforman.

Esta diversidade popular que compartimos os cidadáns e cidadás europeos -e que escasamente aproveitamos- ten o seu reflexo tamén na política. A construción dunha Europa forte, unida e solidaria, a Europa dos pobos e das persoas, require sermos conscientes da súa existencia; é un dereito e un deber para unha cidadanía activa e responsábel.

Neste contexto, as eleccións lexislativas ao Parlamento Europeo, na primeira semana de xuño, son unha excelente oportunidade para dar a coñecer mellor esoutras formas de pensar o mundo dentro da nosa propia veciñanza. Umberto Eco di que a vantaxe da Unión Europea fronte aos Estados Unidos é o número de linguas que nós falamos. A multiculturalidade do continente, lonxe de nos afastar, debe ser clave para crear europeos e europeas orgullosos de sérmolo.

Con todo, e aínda que moitos destes pobos teñen un vencello histórico-cultural especial co galego: eis o caso de Escocia, Gales ou a Bretaña, co seu acervo celta; ou administrativo-político: País Vasco, Cataluña e Galiza manteñen unha relación especial dende principios do S.XX ... ; con todo, o coñecemento da súa realidade social non é todo o profundo que se podería agardar de nós, e viceversa.

Nin que dicir ten que pouca xente en Galiza sabe, por exemplo, dos problemas dos gagauzos, en Moldavia; ou dos saami, nos países nórdicos, e que por descoñecemento -para eles é un insulto- denominamos lapóns. Pobos afastados miles de quilómetros do noroeste peninsular, mais que comparten preocupacións e xeitos de entender a vida, en ocasións, máis achegados do que pensamos aos dos galegos e das galegas.

En Vieiros querémoslle abrir as fiestras á verdadeira Europa, aquela que habitualmente menos difusión mediática ten, ou que cando a ten é por cuestións, case sempre negativas, que só serven para crear estereotipos (por exemplo, o narcotráfico en Galiza).

Mais neste labor cómprenos a vosa colaboración. Nas próximas semanas, xunto coa última información de actualidade sobre as eleccións ao Parlamento Europeo, irémosvos achegando algúns desoutros xeitos de ver o mundo, análises que cos vosos comentarios, coas vosas experiencias, hannos de servir para construírmos o auténtico puzzle europeo.

Agardamos as vosas suxestións, as vosa achegas e, por suposto, as vosas correccións ... Porque esta Europa facémola entre todos.


4,4/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: