O líder da corrente nacionalista avogou por abrir a formación política á sociedade para poder aspirar a gobernar.
Aymerich e Táboas, na presentación de Máis BNG
O portavoz parlamentario do BNG e líder de Máis BNG, Carlos Aymerich, rexeitou este sábado "refuxiarse no resistencialismo" e apostou por "abrir" a formación "á sociedade", traballando "con vocación maioritaria e de goberno". Durante a súa intervención no acto nacional no que Máis BNG constituíu unha xestora co fin de consolidarse como corrente dentro do Bloque, Aymerich mostrouse partidario de "escoitar o que a sociedade quere dicir" co obxectivo de poder "trasladar ilusión ao pobo galego".
"Non queremos adoutrinar", lanzou a uns 300 militantes que recibían cada frase do nacionalista con numerosos aplausos, senón "traballar polo país". Nesta liña, interpretou que o BNG debe ser "capaz de formular proxectos políticos integrais para o conxunto de Galiza". De feito, ao seu xuízo, o "éxito" desta aposta "dependerá de conseguir comprometer a todos aqueles que queren facer algo por Galiza" e "reunilos en torno ao gran proxecto nacionalista que Galicia necesita".
Para reforzar esta teoría, apelou á "historia" co obxectivo de lembrar que "o nacionalismo avanzou cando traduciu o desexo da maioría de vivir con dignidade e confiando nas súas capacidades e recursos propios".
Moitos anos de PP
Segundo Aymerich, quen avogou pola "unión" de "todos os nacionalistas e galeguistas" na mesma organización política como "garantía de eficacia", non "ofrecer apoio" á maioría social levará consigo "aguantar o PP durante moitos anos", do que xa se viu a súa potencialidade destrutora".
Neste sentido, referiuse principalmente ao galego e indicou que "hai un movemento en favor da lingua máis aló das fronteiras do nacionalismo" ao que o BNG debe "unirse sen afán de protagonismo". Tamén aludiu aos traballadores do sector metalúrxico, aos gandeiros, aos autónomos e aos comerciantes para sinalar que os nacionalistas deben "ofrecerlles alternativas a eles e tamén ao conxunto da sociedade".
Oportunidade
Ante este panorama, entendeu que os partidos estatais están nunha situación de "descrédito" social, posto que o PSOE "é capaz de dicir que o financiamento autonómico é un gran negocio para Galiza" e porque as "bravatas" do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, foron reducidas polo líder do PP, Mariano Rajoy.
"Non podemos esperar que os partidos estatais resolvan os nosos problemas", lamentou Aymerich, quen, no entanto, celebrou que esta situación ofrece "oportunidades" ao nacionalismo. "De nós depende aproveitalas para seguir facendo que o BNG avance", engadiu. De feito, reivindicou a posición do BNG fronte aos partidos estatais, posto que o seu "único xuíz" é Galiza. Con todo, o nacionalista alertou de que "as súas sentenzas non están a ser boas".
Autocrítica
Neste apartado de autocrítica, Aymerich incidiu na necesidade de que os nacionalistas e galeguistas estean unidos nun mesmo proxecto "nacionalista e de esquerdas". "No BNG isto non sempre é así", admitiu, pero considerou que é "traballo de 'Máis BNG' aproveitar unha ferramenta como o Bloque para traballar por unha Galiza máis xusta e libre".
Ademais, rexeitou "botar a culpa" á sociedade galega "cando as cousas veñen mal dadas" no ámbito nacionalista e apostou pola reflexión interna das circunstancias actuais e por "pór en valor as conquistas logradas desde a Xunta sen esconder os erros e as equivocacións nas formas".
O labor de Máis BNG
Ante un auditorio dunhas 300 persoas, entre as que se atopaban o ex-portavoz nacional do BNG e ex-vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana; a ex-conselleira de Vivenda e actual coordinadora executiva, Teresa Táboas; o ex-secretario xeral de Relacións Institucionais Xoán Antón Pérez Lema; e numerosos alcaldes e concelleiros; a iniciativa 'Máis BNG' iniciou hoxe a súa andaina coa constitución dunha xestora liderada polo propio Aymerich e formada por unhas 35 persoas.
Nela atópanse tamén representados militantes doutras correntes, talles como o Espazo Socialista Galego, Inzar, Esquerda Nacionalista e o Partido Nacionalista Galego. Entre todos, marcarán os prazos de traballo e evolución e decidirán se, finalmente, se lle cambiará o nome a 'Máis BNG' co obxectivo de integrar todas estas correntes.
Segundo indicou Aymerich, esta iniciativa busca "a unión, que non a unidade, de todos os nacionalistas e galeguistas", formular propostas "concretas" para "loitar contra as miserias dun sistema que crea desigualdade entre persoas e pobos" e "traballar para Galiza con vocación maioritaria e de goberno".
Nesta "empresa", apostou por "tender a man a todos os compañeiros" da formación frontista. "Máis BNG ten que ser unha xanela, unha porta aberta para que se achegue a sociedade", proclamou, e insistiu en buscar a "unión" para que "o Bloque represente o proxecto común de ilusión e esperanza que Galiza necesita".