Aseguran que podería ser declarado nulo e que amosa “un preocupante descoñecemento do marco constitucional e estatutario que rexe o uso das linguas oficiais”.
Luís Villares Naveira, Xuíz do Xulgado de Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Único de Fonsagrada, é un dos asinantes
O borrador do decreto da lingua no ensino presenta “indicios claros de ilegalidade”, polo que podería ser declarado “nulo”. Esta é a principal conclusión que tiran da súa lectura un grupo de máis de 60 xuristas, entre os que se atopan decanos de varios colexios de avogados, catedráticos, profesores de universidade, xuíces ou fiscais de toda Galiza.
Nunha rolda de prensa na que compareceron o xuíz Luís Villares, a profesora da USC Alba Nogueira e o avogado Hector López, presentaron os argumentos xurídicos segundo os cales as bases do novo texto poderían ser recorridas, co ánimo de que o Goberno sexa “receptivo” e “evite o decreto das ilegalidades”.
Os puntos que estes xuristas poñen en cuestión son: a elección lingüística por parte dos pais; a regulación de materias en base a porcentaxes; a equiparación das linguas oficiais a unha estranxeira; a contradición coa Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias; e sinalan que a liberdade de opción idiomática non se pode aplicar a profesores nin estudantes.
Esta análise xurídica do decreto será entregada á Consellaría de Educación e responde “á gravidade do texto redactado” polo departamento que dirixe Xesús Vázquez. “Non representamos a ningún colectivo, senón que queremos poñer de manifesto as debilidades do borrador, do mesmo xeito que o fixo a RAG”, dixeron.