Apela á necesidade de "xerar novamente a forza dun proxecto autónomo, críbel e propio".
O ex presidente da Xunta e ex secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, alertou dos "riscos" que "sempre" tivo o seu partido de actuar como "unha especie de delegación" de Ferraz e recorda que este comportamento derivou, a finais da década dos 90, en que o PSdeG resultase ser a terceira forza máis votada. Agora, cando se cumpre un ano da derrota electoral que devolveu o PP a San Caetano, pon o foco sobre a situación actual e apela á necesidade de "xerar novamente a forza dun proxecto autónomo, críbel e propio".
"Un proxecto comprometido co país", defendeu, nunha entrevista concedida a Europa Press, na que reivindicou un Partido Socialista "que non sexa subalterno nin dependente de ninguén". "Ese é un risco que ten sempre, polo que debemos ter unha tensión permanente", advertiu, a pesar do seu convencemento de que a actual dirección está a traballar nese sentido. De igual modo, opinou que os "compañeiros que están en primeira liña" irán acometendo un "proceso de renovación" co "ritmo que consideren necesario", e igual "esforzo" recomendou o Bloque.
Ás dúas forzas da oposición aconselloulles encarar "unha análise a fondo de cara ao futuro", porque Galiza necesita "unha alternativa ao PP" que necesariamente ha de pasar pola "reactualización e renovación" de ambas as dúas formacións. "A historia da alternativa ao PP foi sempre a historia da relación entre a esquerda e o nacionalismo", insistiu, para aconsellar "estudar e analizar" os "erros e limitacións" desa unión, tanto no Goberno como ao outro lado, e asumir cada un "a súa parte de corrección". "Non se pode evitar o debate", remarcou, para apelar á importancia de construír "un discurso que permita facer crible o papel e a relación co nacionalismo". "É o desafío que ten a esquerda", subliñou quen fora líder do Executivo, indicando a receita para entrar en Monte Pío: "O éxito chega a un partido que é capaz de dialogar coa sociedade galega e entendela".
Análise da derrota
Tras explicar a forma de recuperar a confianza cidadá, o ex líder do PSdeG afondou nas causas que precipitaron a súa saída de San Caetano. "Foi un caso prototípico no que un goberno cambia a consecuencia estritamente do que acontece en campaña", reflexionou, para sumar as "acusacións falsas e infundadas" do PP ao deseño con "erros" dos socialistas. "De deseño, mobilización e contestación ao adversario", concretou, e atribuíuno á percepción de que "non había risco de perda".
A crise como "elemento de desgaste e desafección" dos cidadáns foi outro dos factores, segundo Touriño, quen engadiu que, nesta conxuntura, a sociedade foi "máis receptiva" ás acusacións dos populares. A isto, incorporou "as disensións e a competición" entre os socios do goberno "a partir de agosto" de 2008. Na súa análise, vinculou tamén as críticas do PP sobre a existencia de "dous gobernos" coa cuestión lingüística, xa que, ao seu xuízo, o partido que sustenta actualmente a Xunta utilizou o galego para afirmar que existían "dous gobernos pelexados e un presidente prisioneiro do partido minoritario". En todo caso, rexeitou que imperase en Galiza "unha sensación de imposición", que achacou á existencia dunha "minoría gritona" e dun partido "que lle deu un altofalante". De calquera modo, reafirmouse na súa decisión de abandonar a Secretaría Xeral do PSdeG ao día seguinte de coñecer o resultado electoral ante o seu convencemento de que "alguén tiña que facer de fusible". "Creo que fixen o que debía, porque me correspondía ese papel de concentrar a responsabilidade e permitir que se abrise un período de renovación", resolveu.
O futuro
A maiores, mostrouse "disposto a colaborar" no que necesite o seu partido. "Retireime e, definitivamente, estou en segunda liña, pero non deixarei nunca de estar na trincheira, a disposición do PSdeG e de Galiza. Non me vexo doutro xeito", resaltou o ex dirixente, quen, en cambio, rexeitou "dar consellos" por entender que "sería o peor que podería facer". "Non entra dentro da miña función e, por outra parte, tampouco se me piden", puntualizou.
Sobre o actual dirixente dos socialistas galegos, considerou que "o mellor que ten é o apoio dos militantes, do partido e da dirección". "Ten tamén o meu, dende logo, para a responsabilidade a tarefa coa que se comprometeu", garantiu. Pola súa banda, mostrouse "francamente ben, tranquilo, relaxado e máis envorcado noutras cousas". Así, avanzou que estuda retomar a docencia como relator en masters universitarios e que actualmente traballa nun proxecto de investigación centrado na potencialidade da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. En canto á súa permanencia na Cámara, mostrouse máis conciso ao afirmar que "nunca mediu nin pesou" o tempo que permanecería no seu escano. "Creo que é bo democraticamente non trasladar a imaxe de que un abandona unha institución porque perdera ou gañara unhas eleccións", sostivo.
Balance do novo Goberno
A punto de cumprirse un ano de Goberno de Alberto Núñez Feijoo, o seu antecesor no cargo non dubidou en cargar contra a súa forma de exercer o liderado para "revisar e demoler o pasado", ao tempo que censurou a súa "incapacidade para construír e para facer país".
"É o que máis preocupa, porque un pediría ao presidente que constrúa, una e integre, sobre todo, en tempo de crise e dificultades", razoou, ao sinalar que Galiza se atopa "na peor das situacións económicas ao longo da súa historia autonómica". Por iso, reprobou que Feijoo "se descomprometa e se desresponsabilice" para evidenciar que "isto non ten nada que ver con el".
Tras isto, subliñou que "non querer aparecer na fotografía" da crise "pode ser intelixente dende a perspectiva electoral, pero non é positivo dende o punto de vista do interese xeral". A maiores, recordou ao actual presidente da Xunta que conta cunha maioría "para gobernar" pero que non lle confire "hexemonía" para "dividir" a Galiza en cuestións "altamente preocupantes", como a lingua e o territorio. Ao fío destes asuntos, urxiu á reforma do Estatuto e lamentou o "dislate" que supuxo a ruptura do consenso en torno ao galego. "Por moito que un queira gañar as eleccións e ser presidente, hai facturas que non se deben pasar ao país", sentenciou.
Caixas
Finalmente, sobre a situación actual das caixas de aforro, advertiu de que Galiza "non se pode permitir desaparecer do mapa financeiro español". Por iso, considerou "imprescindíbel" a fusión, pero augurou que "só terá éxito" na medida en que "se explique convincentemente" que é "froito da vontade, intelixencia e xenerosidade" e que culminará nunha nova caixa "equilibrada e paritaria".
De feito, atribuíu a "oposición" da caixa viguesa a que o proceso "naceu impulsado dende poderes fácticos do norte", a mensaxe da cal calou no sur como "un intento de agresión, de absorción e de ocupación". "Non se goberna dende os medios de comunicación, senón liderando o proceso dende a responsabilidade para que as dúas caixas sexan as protagonistas", argumentou o ex mandatario. De igual modo, criticou o "intervencionismo político feroz" da Xunta, quen ao seu xuízo, tratou de deseñar a fusión como "un parto con fórceps". "O liderado político debeu servir para impulsar o proceso", reflexionou, para concluír que "dificilmente se podería facer peor".