Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Reflexións ao fío da crise económica

O territorio galego: liberalismo ou ordenación

Así titula o ex presidente Pérez Touriño o seu artigo para a Fundación 10 de marzo.Achéganse tamén opinións de Albino Prada e Santiago Lago.

Redacción - 12:30 09/07/2010

"Tiveron que pasar demasiados anos e gobernos na nosa historia autonómica para avanzarmos na posta en valor do territorio galego", defende Emilio Pérez Touriño no artigo que vén de poñer na rede a Fundación 10 de Marzo, vencellada ao sindicato Comisións Obreiras baixo o título O territorio galego: liberalismo ou ordenación. Defende o ex presidente da Xunta que a pasada lexislatura supuxo un paso adiante na defensa dunha Galiza sostíbel "que pretendeu espallar os efectos positivos do progreso e a modernidade sobre toda a cidadanía como contraposición á defensa exclusiva dos beneficios urbanísticos dunha minoría".

Argumenta Pérez Touriño que baixo a súa presidencia se deron "pasos decisivos" neste sentido, citando as directrices de ordenación do territorio aprobadas en 2008, o inicio do desenvolvemento do plan integral do litoral ou a lei de medidas urxentes que freou a construción nos 500 metros desde a liña de costa. Desta ademais a aposta pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), definíndoa de "instrumento indispensábel para frear a ocupación indiscriminada do solo, para arredar as medidas disciplinarias urbanísticas da proximidade local aos cidadáns, eliminar o clientelismo político na inspección e a disciplina urbanística, axudando deste xeito a xerar unha cultura urbanística responsábel".

Nesa liña, advirte que o cambio de goberno en 2009 amosa unha grave viraxe no intento de despregar unha política territorial ao servizo do país. "As primeiras medidas e propostas do Goberno sementan a desconfianza e acenden todas as alarmas", sinala. "Non só, que tamén, porque se atrasen inxustificadamente as DOT e se empece a casa polo tellado cunha modificación substantiva da lei do solo, e se pretenda levantar a protección do litoral sen dispoñermos aínda do correspondente plan sectorial aprobado, senón porque, ademais, os primeiros anuncios e decisións caracterízanse, practicamente todos eles, por constituíren unha agresión ao medio natural, á paisaxe, ao hábitat e aos recursos naturais e en contra do interese xeral e dun urbanismo sostíbel", reprocha.

Políticas orzamentarias e estratexia económica
Coa mesma arela de contribuír ao debate sobre a crise económica, a fundación achega outras dúas reflexións. En primeiro lugar, o economista Albino Prada propón o artigo Estrutura e estratexia económica de Galicia: entre a expansión e a recesión. Expón Albino Prada que na procura de que o conxunto da economía estatal mude o seu modelo de crecemento e modelo produtivo a estrutura económica de Galiza configurouse "cunha oportuna especialización industrial afanada no exterior que, debidamente recoñecida e potenciada, pode ser o único motor capaz de provocar a nosa saída da recesión"." E, máis alá aínda, ser o núcleo económico que nos permita gañar o futuro no mundo que xurda da globalización posterior a esta Grande Recesión na que estamos inmersos", advirte.

Por outro lado, o economista Santiago Lago achega o artigo Políticas orzamentarias para tempos de crise. Unha reflexión onde asegura que o duro axuste orzamentario que estamos a sufrir "víase vir". Como consecuencia das sucesivas rebaixas fiscais aprobadas na última década, a reticencia a avanzar nas propostas de reforma fiscal verde e o escaso avance na loita contra a fraude fiscal, "a recesión puxo en evidencia a febleza financeira do sistema tributario español e a súa extrema dependencia das actividades inmobiliarias", indica. "Na fase alcista do ciclo, semellaba que todo era financiable sen custo nin límite, incluídas a supresión do imposto de patrimonio, a desfiscalización das herdanzas e os rendementos do capital no irpf, a práctica eliminación do imposto sobre actividades económicas ou as rebaixas do imposto sobre sociedades", censura Santiago Lago.


3,4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: