Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Eleccións Galiza 2009

RSS de Eleccións Galiza 2009
Barcón denuncia a "corrupción" do PP

Touriño duplicará bolsas para a emigración e Blanco pide máis "autonomía" para o goberno do PSdeG

O líder do PSdeG asegura que facilitará o acceso a FP, universidade e empresas dos descendentes da emigración.

Redacción - 09:00 09/02/2009

"Son socialista e creo que a educación é o elemento que iguala aos pobres cos ricos, porque che fai culto e libre", afirmou Emilio Pérez Touriño durante un encontro cun grupo de mozos arxentinos descendentes de galegos. No transcurso da xuntanza prometeu até 400 bolsas para cursar estudos superiores en Galiza se resulta vencedor tras as eleccións do 1 de marzo. Un compromiso que, asegurou, vailles facilitar o acceso a ciclos de Formación Profesional, universidade, másters, estudios de terceiro ciclo e realizar prácticas en empresas en Galiza. Touriño acusou a outras formacións de dirixirse á emigración como "comercio electoral" e insistiu en que no seu caso non responde a un interese partidario, "senón estratéxico".

Por outro lado, o vicesecretario xeral do PSOE, Xosé Blanco, pediu este domingo o "voto masivo" dos galegos para que o candidato socialista á Xunta poida gobernar Galiza "con máis independencia", "máis autonomía" e "máis fortaleza" do que o está a facer na actualidade co apoio do BNG. Nun mitin dos socialistas en Silleda, o deputado pola provincia de Lugo sinalou que con Touriño á fronte do país haberá "máis igualdade", "máis xustiza e "máis solidariedade", tres substantivos que repercutirán nunha mellora da cobertura sanitaria, da educación e na suba das pensións por viuvez porque, expresou, todas as persoas que viven soas teñen dereito a ter axudas por enriba dos 700 euros.

Tamén se referiu Blanco á recente trama de corrupción e os presuntos vencellos desta co PP, cualificando de "sorprendente" que se queixen de xuíces, policías e fiscais por descubrir o que xa era un "segredo a voces". O vicesecretario xeral do PSOE instou ao líder do PP, Mariano Rajoy, a "asumir a súa propia responsabilidade" e "dar a cara" ante a "práctica perversa" dalgúns militantes do seu partido. "Se é que aínda lle queda algo de autoridade", ironizou, comentando que Rajoy "non pode esconder debaixo da alfombra toda a porcallada que lle está a caer ao PP".

Tamén en relación á actuación da Fiscalía anticorrupción, que o pasado venres se saldou con cinco detidos, todos eles vinculados co PP, falou a secretaria de Organización do PsdeG, Mar Barcón, quen denunciou a "deriva galega" deste caso de corrupción, en referencia ao ex conselleiro de Portos de Galicia e ex secretario de organización do PPdeG, Pablo Crespo, un dos cinco detidos nesa operación contra a corrupción urbanística. "Si hai relación probablemente económica e ten que ver coas súas empresas e as que organizan eventos para o PP", censurou, acusando o líder do PpdeG de mentir sobre a súa relación con Crespo. Recordou Barcón que foi o voto de Núñez Feijoo cando era conselleiro de Política Territorial na última lexislatura do goberno Fraga o que permitiu manter a Crespo como conselleiro de Portos de Galicia, que en aquel entón presidía Carlos Negreira, hoxe cabeza de lista dos populares n'A Coruña.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: