O presidente do Goberno e candidato do PsdeG á reelección introduciu a suxestión este xoves á saída do Consello da Xunta.
Evitar que se lles "furten dereitos" aos cidadáns sería o argumento baixo o cal o máximo mandatario do país considera que se podería negociar a posibilidade de que a celebración de debates electorais quede regulamentada por lei. Así o expuxo Emilio Pérez Touriño este xoves, indicando a súa vontade de impulsar o estudo de medidas nese sentido.
Realizou Pérez Touriño estas declaracións ao tempo que cualificaba de "insólito" que o líder da oposición, Alberto Núñez Feijoo, rexeitase a cita para este venres 20 e "impida o debate" entre os líderes das tres forzas políticas con representación parlamentaria na actualidade. O debate foi xa formalmente cancelado pola CRTVG despois de que o candidato do PPdeG evitase confirmar a súa asistencia. Feijoo esixira como condición para acudir a este encontro que se garantise a realización doutros tres debates, un del mesmo con Pérez Touriño, outro con Quintana, e outro entre os candidatos á presidencia de PSdeG e BNG.
Deste xeito, a última vez que a campaña electoral ofreceu aos electores do país a posibilidade dun cara a cara entre os líderes das principais forzas políticas seguirá sendo a cita de 1993, altura na que o daquela presidente, Manuel Fraga, aceptou confrontar co aspirante socialista, Antolín Sánchez Presedo. "Ao PP véxoo á baixa", comentou por outra parte Touriño, salientando que ningunha das enquisas realizadas até o de agora prevé que o PP poida acadar en Galiza o escano número 38, que lle outorgaría a maioría absoluta.
Doutra banda, e diante das cámaras de Antena 3, que este xoves publicou unha sondaxe onde prognostica a reedición do bipartito, Emilio Pérez Touriño atribuíu a renuncia de Núñez Feijoo ao debate a que o líder do PP "non confía nas súas forzas nin nos votos dos cidadáns". No transcurso da mesma entrevista, o socialista volveu censurar que a estratexia dos populares se basee, avaliou, en xerar "desencanto" e buscar a "desmobilización". "É o referente que está na oposición e espero que continúe aí durante moitos anos porque non está a ofrecer nada positivo nin útil", apúxolle Touriño a Feijoo.