Un informe de Greenpeace revela que ningunha das grandes cadeas de supermercados apostan por unha pesca sustentábel.
“Escolle ben o teu peixe, non caias no ichó”. Con este lema Greenpeace quere facer reflexionar a cidadanía para que aposte polos produtos pesqueiros que proveñan dunha pesca responsábel e sostida. Ao tempo, pide os supermercados que deixen de ser cómplices da destrución dos océanos e desenvolvan unha política sostíbel de produtos pesqueiros.
Nun informe anual, os ecoloxistas analizan estas políticas de compra e venda dos produtos pesqueiros dos principais distribuidores e das grandes superficies outorgándolles unha puntuación final en función de sete criterios. Entre eles, teñen en conta a disposición de especies da “lista vermella de Greenpeace”, como fletán negro, pescada negra ou rapes e tiburóns de profundidade; as garantías da trazabilidade dos produtos, de xeito que se poida determinar até o barco que o pescou, onde e como; a mellora no etiquetado; ou a eliminación de produtos procedentes da acuicultura insostíbel, relacionada coa sobrepesca, a contaminación ou a destrución consteira.
Todos suspenden, mais o Corte Inglés saca a peor nota
A puntuación do grupo El Corte Inglés descendeu con respecto á obtida en 2009 e ocupa o último lugar do listado. Greenpeace denuncia que non demostrou ningún avance, que non ten un compromiso de retirada de especies en perigo que formen parte da súa oferta e que non teñen responsabilidade en garantir a trazabilidade total dos produtos pesqueiros que ofrecen.
Na outra punta deste listado, os ecoloxistas sitúan a Lidl e Carrefour, que por vez primeira escalan posicións e pasan de ocupar a franxa vermella á laranxa. Explican que ambos os dous contan “cunha política de compra de produtos pesqueiros, comezaron coa retirada de especies en perigo eu capturadas con métodos destrutivos e amosan unha gran preocupación pola trazabilidade completa dende o barco até os mostradores de venda”.
Alcampo, Eroski e Mercadona aumentaron a súa puntuación, mais seguen na franxa vermella. Os ecoloxistas explican que Alcampo “fixo pública a súa decisión de avanzar cara a conservación dos océanos ao retirar dos seus mostradores varias especies de tiburóns en perigo de extinción, a patuxa e as especies de escarapotas”. Mentres, tanto Alcampo como Eroski ou Mercadona demostraron algúns progresos nas súas políticas de adquisición.