Non vou pronunciarme sobre a oportunidade e pertinencia da fusión entre Caixa Galicia e Caixa Nova aínda que si aposto pola necesidade obvia, legal e política de que sigan tendo –xuntas ou por separado- o seu centro de decisión no país. Sobre o primeiro abondan opinións moito máis autorizadas que puidemos ler e que seguiremos a ler nos vindeiros días.
Si que quero, en calquera caso, lanzar unha reflexión sobre a necesidade de mudar as cúpulas directivas do poder financeiro galego. Por varias razóns:
- Porque a concentración continuada no tempo de tamaño poder en persoeiros que non responden ante a cidadanía, como veu acontecendo no caso de Caixa Galicia e Caixa Nova, pode ter efectos nocivos na saúde das democracias.
- Porque as caixas, ao contrario que o resto de entidades financeiras e por moito que algúns o queiran esquecer, non son entidades con ánimo de lucro e inclúense ademais entre as competencias da Xunta de Galicia, como se recolle no Estatuto de Autonomía. Xa que logo, pódese e débese actuar nestas institucións para acoutar situacións como as que se consolidaron nas caixas galegas. Sen que iso implique “politización” de ningún tipo.
- Porque a xestión das dúas caixas nos últimos anos á vista dos resultados económicos que se van coñecendo, non foi boa. As direccións de ámbalas dúas caixas, en particular a de Caixa Galicia, tomaron decisións erróneas, en particular no eido inmobiliario, especulando de xeito irresponsábel cos aforros de milleiros de galegos.
Por todas estas razóns, sexa cal sexa a resultante de todo este proceso, non sería de recibo que as cúpulas directivas actuais das dúas caixas continuaran nos seus postos como se nada tivera pasado.
Da concentración do poder mediático en persoeiros de variada casta, e das súas desastrosas consecuencias para a nosa democracia, falaremos noutro momento.