Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel González López

Nota para un debate na esquerda (I) Erros públicos

12:27 09/09/2009

Na década dos 60 do pasado século nacía na Universidade de Virginia nos Estados Unidos, a chamada Escola da Elección Pública.

Os seus principais referentes acadarían logo sona internacional, particularmente James Buchanan quen en 1986 obtería o Premio Nobel de Economía. Arriscándonos a ser simplistas poderiamos dicir que, como fundamento central, os defensores desta escola partían dunha fonda desconfianza na capacidade do sector público para resolver problemas sociais e económicos. Así, se a chamada Economía do Benestar que se desenvolvera a principios do século XX, subliñara os “erros de mercado” que fan necesaria a intervención do sector público para recuperar a eficiencia, os economistas e politólogos da Eleición Pública puxeron o fincapé nos erros do sector público para atender as encomendas das que tradicionalmente se viñan responsabilizando.

Un elemento chave no razoamento destes autores é considerar que os individuos non actúan por un suposto interese xeral cando participan en labores públicos ben sexa como políticos ou como burócratas, senón que o fan con intereses egoístas. Isto é, actúan tal e como o fan no mercado. Iso explicaría, por exemplo, o establecemento de políticas tendentes a favorecer a determinados grupos de interese (que a cambio favorecerían os intereses dos propios políticos e burócratas) ou tamén determinadas inercias incrementalistas do gasto público, pois ao ser este maior tamén o é a posición de poder dos individuos que o xestionan. Ante estas conclusións, as receitas máis coñecidas da Escola da Elección Pública estaban principalmente dirixidas ao adelgazamento do sector público e a limitar as súas funcións practicamente as básicas de xustiza, orde interna e defensa exterior. Iniciábase dese xeito un ataque ideolóxico á liña de flotación das políticas que constituían os piares básicos do Estado de Benestar, que naquel momento representaban a ortodoxia en boa parte dos países desenvolvidos.

As posicións da Escola de Virginia foron contestadas no eido teórico e distan de constituír hoxe o mainstream da Economía Política. Non é certo que os individuos, os cidadáns, actuemos unicamente –nin sequera en boa medida- movidos por intereses egoístas. Na nosa vida cotiá atoparemos múltiples exemplos de que iso non é así. Agora ben, o anterior non quere dicir que a nosa actuación non veña influenciada polo contexto e os incentivos que se presentan, tamén á hora de desenvolver un labor profesional ou político no sector público. Nin que os nosos intereses materiais, particulares ou de grupo, non condicionen as nosas actuacións en todos os eidos sociais, incluído este ao que nos estamos a referir. Tamén debemos admitir que, como en calquera outro tipo de organización que alcanza un grande tamaño, as rixideces aumentan de xeito que a necesaria flexibilidade á hora de prestar adecuadamente un servizo público, vese reducida. Do mesmo xeito os cambios, as innovacións, vense dificultados nun contexto no que predominan as rutinas.

Todos estes aspectos inciden directamente no (mal) funcionamento do aparello burocrático-administrativo e son perfectamente visíbeis para o conxunto da sociedade que é usuaria dos servizos públicos.

No eido da práctica política, esta percepción foi usada pola dereita neoliberal como argumento instrumental para alcanzar os seu obxectivos estratéxicos que non son outros que a laminación do Estado de Benestar e do papel do sector público como provedor de servizos básicos, garantes da igualdade social.

Pola súa banda, a esquerda política raramente foi quen de encetar un discurso sólido sobre ese argumento instrumental. Nalgúns casos denunciou os obxectivos finalistas perseguidos pola dereita (privatización de servizos fundamentais) pero ignorou o mal funcionamento das institucións públicas. Noutros, máis graves, asumiu o discurso conservador e por consecuencia desenvolveu medidas que ían na dirección de recortar servizos públicos fundamentais. En ámbolos casos houbo unha renuncia implícita a iniciar debate algún sobre a mellora da eficiencia do sector público. O terreo quedou dese xeito libre para o xogo da dereita.

Unha crítica contundente ao aparello burocrático e aos “excesos” públicos, converteron aos conservadores nos únicos defensores da eficiencia na xestión pública, promotores da necesaria austeridade no funcionamento da administración. Gústenos ou non esta é unha percepción cada vez máis estendida na nosa sociedade e nas do noso contorno.

Penso que a maioría dos cidadáns europeos e tamén do noso país considera adecuado e positivo que o sector público garanta o acceso universal e igualitario aos servizos básicos; sen embargo cada vez están menos dispostos a soportar un aparello burocrático que observan custoso e ineficiente. A esquerda política debe por tanto tomarse en serio esta cuestión e debater internamente e na sociedade as posíbeis causas e as vías de solución. Sen ataduras. Se ese debate non se dá dende posicións progresistas dificilmente se dará, pois para a dereita non é un problema grave, como dixemos máis arriba é a escusa para laminar o Estado do Benestar.

En Galiza a esquerda política vén de ter unha experiencia de grande calado na xestión pública. Nalgúns casos como no BNG era a primeira experiencia da súa historia a primeira ocasión na que moitos dos seus cadros políticos se enfrontaron a estas lides. Sería gratuíto e un grande erro non reflexionar sobre a mesma de cara a tirar leccións para o futuro.

4,17/5 (23 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel González

Nado en Outes (1975). Doutorouse en Economía Aplicada na USC logo de ampliar estudos na Universidade de Manchester e na Copenhagen Business School. Na actualidade é profesor no Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela. »



Anteriores...