Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Manuel González López

A enerxía eólica: recuperar o tempo perdido

14:00 24/06/2008

O nacemento das industrias non obedece só á vontade da man invisíbel de Adam Smith senón a acontecementos casuais que moitas veces pouco teñen que ver co mercado. Ás veces é a propia acción colectiva a que impulsa a creación de sectores enteiros, un dos casos é o da industria eólica en Dinamarca.

Cando a finais dos anos 70 a sociedade dinamarquesa, preocupada pola crise do petroleo e altamente concienciada dende o punto de vista medioambiental, lle da o mandato aos seus governos de que impulse a xeración de enerxías limpas, e en concreto a eólica, é posíbel que non tiveran como obxectivo lograr que o seu sector eólico sexa hoxe líder a nivel mundial. Sen embargo, ser os primeiros ou estar nas fases iniciais do nacemento dunha industria constitúe unha vantaxe esencial para acumular competencias técnicas, humanas e empresariais. As máquinas son doadas de exportar e mesmo de copiar, pero o coñecemento acumulado ao longo do tempo non o é, por iso países con custes laborais elevados poden liderar os índices de produtividade e ser os máis competitivos nos mercados internacionais.

Galiza: A oportunidade desaproveitada
Cando só vinte anos despois, a principios dos 90, as grandes empresas eléctricas españolas se comezan a interesar polo negocio do sector eólico, Galiza convértese nun dos caramelos máis codiciados polos seu enorme potencial. Iníciase o proceso de posta en marcha de numeros parques eólicos no pais que a situan á cabeza do Estado en canto a potencia instalada. O resultado, a día de hoxe, é que o control da xeracíon está practicamente na súa totalidade en mans de empresas non galegas e que non naceu ningunha firma no país que teña unha certa relevancia no sector a nivel sequera do Estado. Se ben é certo que algunha destas empresas instalaron fábricas de compoñentes e que houbo algunhas firmas galegas que se inciaron no sector, ben como auxiliares ben como produtores tamén de compoñentes, a realidade é que Galiza, o seu tecido empresarial, non aproveitou as oportunidades que lle brindaba o noso potencial nun momento aínda incipiente da propia industria a nivel internacional. Mercamos a tecnoloxía porque non desevolvememos apenas coñecementos propios, entre outra mercamos tecnoloxía dinamarquesa.

De pouco sirve aquí botar balóns fóra e culpar ao capital trasnacional do que aconteceu. Á diferenza do que ocorrera co sector hidroeléctrico os galegos desta volta tiñamos a ferramenta para evitar a expoliación dos nosos recursos: tiñamos un goberno con enormes competencias no sector. Que non se impulsaran empresas, centros tecnolóxicos e todo o entramado necesario para crear un sector competitivo é responsabilidade propia. Que o proceso de concesión das licenzas de explotación fora como foi e se posibilitara a revenda das licenzas sen nen sequera ter iniciado a construción dos viraventos, tal e como enfatiza agora algún medio, é responsabilidade colectiva. (Por certo, neste pais onde se crean comisións de investigación para ver se uns tubos son de cemento ou se son galvanizados, estaría ben que soubéramos quen foron os destinatarios desas licenzas e que uso se fixo das mesmas).

Recuperar o tempo perdido
O proceso de ampliación da potencia instalada que o goberno actual acaba de iniciar, ademáis de correxir prácticas dubidosas, debe servir xustamente para recuperar o precioso tempo perdido de cara a consolidar un sector punteiro a nivel mundial. Para iso é necesario apoiar aqueles proxectos que aposten pola creación de competencias integrais, que inclúan estratexias claras de cara á creación de coñecemento e a innovación no sector eólico. Será necesario contar coas institucións do sistema público de I+D+i, nomeadamente coas universidades e cos centros tecnolóxicos. Non sería descabelado impulsar a creación dun centro tecnolóxico ou semellante onde participen activamente as empresas ligadas ao sector, non só as vinculadas á xeración enerxética xa asociadas na Asociación Eólica de Galicia, senón tamén o entramado de empresas de compoñentes e de servizos especializados (enxeñerías, consultorías diversas, etc). Existen recursos para iso, tanto públicos como sobre todo privados, dada a alta rendabilidade da xeración de enerxía eólica. Só resta usalos intelixentemente.

3,86/5 (28 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Manuel González

Nado en Outes (1975). Doutorouse en Economía Aplicada na USC logo de ampliar estudos na Universidade de Manchester e na Copenhagen Business School. Na actualidade é profesor no Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela. »



Anteriores...