Recentemente o Parlamento Europeo estivo de aniversario, 50 anos facía a que din é a única cámara de representación supraestatal de designación directa por parte da cidadanía.
A ninguén se lle escapa que o proceso de construción europea leva un par de anos en stand by, produto en grande medida do rexeitamento ao Tratado de Constitución Europea por varios dos países centrais na UE, países fundadores como Francia ou os Países Baixos. Neste tempo mesmo se produciron retrocesos e houbo quen aproveitou a parálise da Unión para recuperar espazos que, mal que ben, a Unión Europea fora quen de conquistar; falamos por exemplo do simpático presidente francés, e da política exterior da UE.
Pero vaiamos ao que nos ocupa. Como se percibe Europa, a Unión Europea, dende Galiza? Pois ben, estritamente falando non hai visión contrutiva de Europa dende Galiza. A única percepción ten sido a dunha administración allea dende a que –sen un rol colectivo activo- recibíamos unha de cal e outra de area. No “debe” están as políticas que cada certo tempo incidían e inciden negativamente nos intereses galegos: agricultura, pesca, sector naval, etc. Obviamente o que máis debería pesar neste “debe” non son os efectos negativos en si, senón e sobre todo, a imposibilidade de codecidir sobre os mesmos dende o punto de vista colectivo, como galegos. No “haber” sería absurdo esquecernos dos fondos europeos, á volta do 6% dos ingresos orzamentarios galegos nos últimos exercicios, en grande medida destinados a investimento público. Mesmo o Euro, a pesares da súa asociación co incremento do custe da vida, é xa unha realidade incuestionábel que moitos cidadáns valoran positivamente pola estabilidade que aporta a aspectos que lles afectan directamente como son os tipos de xuro.
Sen embargo e ao igual que na maioría dos países e estados europeos, non semella existir en Galiza unha vontade social forte e explícita de construir Europa. A responsabilidade aquí procede do xa moitas veces suliñado intento político de construír Europa unicamente de arriba a abaixo e non ao revés. É esta a grande asignatura pendente da Unión Europea xa que poucas políticas, quizais coa excepción dalgunhas iniciativas como o programa Erasmus, resultaron efectivas para levantar Europa dende as bases.
Pero ao decisivo déficit anterior en Galiza úneselle outro con impronta propia que é necesario suliñar. No noso país falla tamén o compromiso político para con Europa.
Os dous partidos de obediencia estatal están afectados do mesmo mal que os romanos lle supoñían ao río Limia, o mal do esquecemento. Cada vez que traspasan as fronteiras estatais os representantes destes partidos esquécense de Galiza, como imaxinario colectivo na construción europea, e substitúena polo imaxinario “España”, reforzando dese xeito o carácter estatal da UE. Este esquecemento actúa nos dous planos, no dos intereses materiais dos galegos, pero tamén no plano do aporte galego á construción europea.
En canto ao nacionalismo galego o mal que lle afecta é de natureza distinta. A visión de Europa dende o nacionalismo galego está estancada nunha lagoa onde conflúe, por unha banda, unha visión antisistema do proceso de construción europea -no que son preponderantes os aspectos antisociais do mesmo- e pola outra, unha visión á defensiva ao respeito das políticas recibidas nos últimos anos. Ámbalas dúas correntes teñen a súa razón de ser e potentes argumentos, pero esquecen aqueles aspectos positivos que comprende a Unión Europea. A maiores, o nacionalismo galego contemporáneo, a diferenza dos seus predecesores e doutros do noso contorno, non foi quen de visualizar un elemento que debería ser estratéxico na súa acción. Eu resumiríao na seguinte frase: “case todo o que deba ou teña que facer o Estado pódeo facer Europa”.
A idea de Europa necesita un impulso que se debe sustentar naqueles elementos que a maioría social europea considera positivos e que identifican a Europa no mundo. O primeiro, o modelo do Estado de Benestar, cuestionado polo Neoliberalismo pero cun fortísimo ancoraxe político e social, que é necesario defender e potenciar en todo o continente. O segundo, un modelo socioeconómico en xeral máis respectuoso co medio ambiente (e que nos saca as cores de cando en vez con multas e sancións de índole diversa). O terceiro, un contrapeso nas relacións internacionais aínda máis hipotético que real, pero necesario nun mundo amenazado polo unilateralismo e o desorde colectivo. Sería absurdo pensar que, dende o punto de vista institucional, se pode alcanzar neste último ambito un rol semellante dende Galiza ou España.
Como galegos é posíbel contribuir a Europa sen tutelas de ningún tipo, unha contribución sustentada na nosa propia realidade nacional e que chega até onde saibamos pensar o noso propio país. Faise necesario repensar Europa dende Galiza e como galegos. Necesítao Galiza, como unha das vías naturais de apertura ao mundo; e necesítao Europa, como alternativa institucional ás grandes amenazas e problemas mundiais; alternativa imperfecta, por suposto, pero real e efectiva.
Nado en Outes (1975). Doutorouse en Economía Aplicada na USC logo de ampliar estudos na Universidade de Manchester e na Copenhagen Business School. Na actualidade é profesor no Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela. »