A Xunta incrementa o gasto en dous millóns de euros e o persoal en 38 brigadas. Mentres, Seaga mantén a súa convocatoria de folga para o vindeiro xoves.
O Goberno anunciou un reforzo do operativo de loita contra os incendios para este verán, cun programa que se iniciará o primeiro de xullo e que contará con máis persoal e máis orzamento. O obxectivo é facer fronte aos posíbeis lumes, sobre todo tendo en conta que se detectou un aumento na biomasa forestal e que se teme unha estación moi seca.
Segundo explicou o director xeral de Montes, Tomás Fernández-Couto, o chamado Plan de Defensa contra os Incendios Forestais de Galiza (Pladiga) para 2009 contará cunha inversión de 49 millóns de euros, é dicir, 1,8 millóns máis que o ano anterior. Ademais, traballarán nos montes un total de 5.200 persoas, que se distribuirán en 538 brigadas, é dicir, 38 máis que co goberno bipartito, que contarán co apoio de efectivos do exército, da Garda Civil e das Policías Nacional e Autonómica.
Sen tempo para cambios
Con todo, Fernández-Couto subliñou que o operativo responde, nun 95% ao que deixara feito o anterior goberno, porque nestes dous meses "só nos deu tampo de matizalo" e engadiu que "logo do verán, será o tempo de facer balance sobre a súa eficacia e carencias".
Aínda así, recoñeceu que "hai moitas cuestións de formulación que é moi posíbel que non fixéramos do mesmo xeito", se ben defendeu que o actual operativo é o do goberno galego, polo que se tratará "de tirarlle o maior rendemento".
O vindeiro xoves, Seaga en folga
Sobre a situación da empresa pública de Servizos Agrarios Galegos (Seaga), o director xeral de Montes asegurou que "non existe como medio de extinción", senón que "é un instrumento máis da Xunta ao que se lle fai unha encomenda para a contratación das cuadrillas". Así, descartou que se estivese a intervir nos criterios de selección de persoal porque o anterior executivo xa realizara ese trámite. Mentres, sobre o seu futuro indicou que "non hai que pensar en eliminala", senón en "ver como funciona".
Pola súa parte, os traballadores manteñen a convocatoria de folga presentada pola CIG para o vindeiro xoves. Segundo adiantaba María Rodinho, representante do comité da Coruña, con esta mobilización denuncian que a empresa prescindise nos últimos tres meses de 150 traballadores dos 918 que conformaban o cadro de persoal. Os responsábeis sindicais temen que o actual goberno queira botar aos empregados que levan dous anos na entidade para evitar facerlles un contrato indefinido xa que, por lei, deberían deixar de ser temporais, e poder así contratar a outras persoas "máis afíns".