Mesmo nos libros mediocres, un pode atopar ideas brillantes. Este é o caso de "A deleiba do mundo", do libanés Amin Maalouf , un ensaio disperso e superficial que, sen embargo, inclúe unha suxestiva reflexión sobre a "lexitimidade" como clave explicativa de moitos fenómenos políticos. A súa aplicación a Galicia resulta inmediata.
Maalouf recorre ó concepto de lexitimidade para comparar dous líderes exipcios: Gamal Abdel Nasser e Anwar el-Sadat. Segundo o escritor, o primeiro foi un líder despótico e errático mentres o segundo actuou como gobernante xuizoso e pragmático, malia o cal Nasser gozou dunha enorme popularidade fronte ó desprezo que houbo sufrir el-Sadat. A explicación, na lexitimidade acadada por cada un deles.
Consonte ó devandito ensaio, a lexitimidade constrúese a partir dun logro ou dunha traxectoria histórica e mediante a comuñón capilar entre político e pobo, factores ós que se haberá engadir a bretemosa condición do carisma. Coido que aplicando esta sinxela receita, pódense comprender moitas das insólitas circunstancias da política galega actual.
Como é posible, por exemplo, que unha organización como o Partido Popular estea gobernando Galicia despois de ter afundido durante décadas unha boa parte dos seus activos e valores principais? De onde lle vén ese maioritario apoio popular tan inxustificado á vista das súa funesta pegada como partido gobernante? Vexamos: a historia de Galicia propiciou unha asimilación entre partido popular e exercicio de poder que hoxe perdura. Esta sorte de equivalencia pódese resumir nunha frase que lle escoitei a unha curmá (nada parva, por certo) hai uns meses: “gustar, non me gusta moito o que fan, pero a min educáronme para votalos e así fago sempre aínda sen saber moi ben por que.”
O segundo factor é manexado polo PP con especial mestría. A comuñón que solicita Maalouf entre gobernante e pobo artéllase a través dunha rede instruída, coidada e alimentada con dedicación exemplar. Queda o carisma, que no partido popular en Galicia se constrúe a partir das adhesións inquebrantables e as posturas monolíticas; teñen claro que co éxito do líder chega o progreso para todos eles. Sumados os tres elementos, enténdese, trasladada ó PP, esa máxima priísta recordada nun artigo recente de Manuel Barreiro: “O poder gáñase, non para facer cousas, senón para non perdelo... Un goberno non produce nada, agás antigüidade.”
Conscientes desa “lexitimidade popular”, o partido gobernante emprende en Galicia unha cruzada arteira e inmoral para tornar a condición esencial de “ser galego” na instrumental de “residente en Galicia”. Extírpase calquera risco de galeguidade, suprímese toda pretensión de identidade, erradécase a idea de Galicia como País con obxectivos e anceios propios para someter a nosa existencia e, xa que logo, o noso futuro, ó ente homoxéneo, disciplinado e xacobino da España monótona e indistinguible. Este goberno non só actúa contra os mesmos piares de Galicia senón tamén contra a ética, a decencia e a vergonza. Isto, paradoxalmente, ó abeiro da súa lexitimidade secular.
O caso do PSOE presenta matices importantes a subliñar. Tiñan doado acadar ese obxectivo de lexitimidade a partir da idea prestixiada do Socialismo, con maiúscula, e máis da traxectoria dun partido histórico que protagonizou, mesmo con sombras, fenómenos e acontecementos de sonora transcendencia. Contan, así mesmo, cunha organización eficiente a nivel estatal da cal se beneficia a “delegación” galega e dunha cobertura dos medios razoable. E sen embargo, abondou coa blindaxe dun coche oficial e cunhas facturas pantasma para rachar o que debería ter sido a súa etapa de gloria en Galicia. Fállalles a terceira pata, o bretemoso carisma. Basta con repasar a relación de líderes do PSdeG para descubrir tres eivas insuperables: o baixo perfil das súas primeiras espadas, a falta de cohesión interna e a súa dependencia respecto dos postulados de Ferraz. Aí perden tódalas súas opcións de lexitimidade en Galicia.
Onde as carencias se tornan muros infranqueables é no nacionalismo galego, o cal suspende de xeito categórico o contraste dos tres factores. A herdanza instalada na conciencia do votante recolle o fracaso do galeguismo centrista e socialdemócrata e a supervivencia do marxismo independentista. Quéirase ou non, sexa unha imaxe fiel ou deturpada, guste moito ou pouco, esta vén sendo a imaxe maioritaria que navega polos ríos diversos da sociedade galega. Eis a apelación das forzas estatais ó suposto extremismo do nacionalismo galego cada vez que o BNG amosa unha contradición ou unha inconveniencia nas posicións conservadoras ou, incluso, socialistas.
Se a traxectoria histórica supón unha pexa contra o porvir do nacionalismo galego, para que falar da precaria capilaridade entre esta opción política e a cidadanía? Nada se fixo nin nada se fai hoxe en día para trasladar os postulados do BNG ós distintos entes e instancias sociais, que amosan, en xeral, un descoñecemento supino respecto da programación política actual da organización. Por último, o chamado carisma foi, no tempo de Beiras, un valioso patrimonio botado a perder. Emprendeuse un bo exercicio con Quintana, novamente desprezado. O presente, mellor nin amentalo. E así é como o BNG amosa un futuro desalentador xusto cando se dan no País as condicións propicias para o seu desenvolvmento. Namentres non consigan amañar a situación ate aquí descrita, poderían aforrar calquera proposta ante a sociedade. Faltaralles a imprescindible “lexitimidade popular”.
Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza