Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

Timing

00:17 23/01/2007

Disque un dos factores que fixeron do inglés a lingua dominante no planeta foi o uso dos xerundios. É difícil atopar no resto de falas un recurso tan útil á hora de resumir conceptos. Así, por exemplo, "timing" podería entenderse como esa calidade de facer as cousas ao seu debido tempo, no momento que mellor acaia á situación. Coido que Galicia ten demostrado sobradamente a súa incapacidade para xestionar o "timing" dos seus problemas e conflitos.

O noso é un pobo que adoita chegar tarde… Xa a romanización de Galicia resultou serodia, a reforma das estruturas feudais fíxose con séculos de demora (se cadra, aínda persiste nalgúns eidos), a industrialización chegou tras terse espallado polo resto de Europa, a recuperación da identidade cultural iniciouse ao rebufo da catalana e doutros procesos no continente, as redes de estradas acadaron o noso país cando se empezaban a remendar noutros puntos de Península, o tren… (en fin, para que citar o tren?), a ordenación e organización do territorio e a paisaxe segue pendente xa entrados no terceiro milenio, etc.

Tamén chegou tarde a democracia. Refírome á institucionalización das pautas democráticas, tradicionalmente ignoradas e mesmo asoballadas durante a época Fraga. O país levaba esperando moito tempo por un goberno novo que rexenerase as estruturas e os comportamentos. Nestes dous anos, xaora!, houbo luces e sombras que non repasaremos neste artigo de opinión. Gustaríame, sen embargo, facer fincapé nunha das eivas principais (segundo o meu entender, por suposto) do novo executivo galego: a súa incapacidade para manexar o "timing" dos asuntos, a teimosía por actuar tarde.

Fixémonos por exemplo nas operacións empresariais que levan ecoando nos medios (miña nai, como están os medios impresos galegos!) ultimamente. Con independencia das intencións escuras presentes nalgunhas informacións, o Goberno galego non consegue posicionarse con antelación ao "abrollamento" destas operacións, non é quen de se anticipar a ningunha das situacións de crise ou desarraigo empresarial.

En primeiro lugar, un Goberno debe ser consciente dos elementos de poder que ten na súa man e ser capaz de participar e intervir (cando sexo preciso, evidentemente) nos procesos de deseño e negociación das grandes operacións empresariais. Pero ademais, existen sistemas e métodos que non se están utilizando para identificar os riscos de que unha empresa ou grupo de empresas vaian confrontar unha situación de axuste financeiro ou organizacional; son sistemas de alerta doados de montar e que permiten detectar este tipo de situacións antes de que sexa demasiado tarde (ollo, por exemplo, ao Grupo Castro – Sargadelos trala súa "refundación").

Permitídeme traer a colación un caso palpábel de falla de "timing". Coñeceredes o estado crítico do Deportivo da Coruña, un representante do deporte galego (malia que sen galegos na plantilla!) abocado á desaparición irremediábel salvo a aparición improbábel dunha man milegreira. Se hai cinco anos, o anterior Executivo tivese reunido os acredores e os directivos para artellar unha solución financeira (posiblemente cun aval condicionado que permitise minorar o coste da débeda), agora o Deportivo tería unha directiva nova, estaría nunha liña de recuperación financeira e contaría con varios xogadores galegos nas súas filas.
Pero por suposto, o caso de falla de "timing" que máis nos debe afectar pola súa enorme transcendencia é, naturalmente, o fallido Estatuto. E tralo fracaso, a resignación: "mellor tarde que mal" e non sei que máis. O que si sei é que este non é tempo de resignación, senón de denuncia e reclamación. De denunciarmos aos que novamente traizoaron a Nación Galega e que a precipitaron a unha nova humillación.

Falemos claro: Galicia non terá un novo Estatuto ao seu debido tempo (con máis competencias, máis amplo, máis actual, máis útil…) porque un partido chamado PpdeG (quítenlle xa o G, por favor!) decidiu tratar este pobo (esta clamorosa Nación) como se fose unha terra colonizada, porque un partido político desprezou groseira e descaradamente os dereitos deste pobo en beneficio dos seus obxectivos partidistas en Madrid. E tamén porque o representante dese partido en Galicia (é vostede algo máis ca iso, Sr. Feijóo?) quixo facer méritos diante dos seus superiores.

Que bochorno, Sr. Feijóo! Non consigo atopar unha ocupación e unha actitude máis vergoñentas das que vostede desenvolveu na negociación do novo Estatuto. Porque vostede é perfectamente consciente de que nos condenou a ocupar un posto por debaixo de Cataluña e Andalucía na organización do Estado. E porque vostede é perfectamente consciente da imaxe que Galicia volveu transmitir de sometemento aos intereses centralistas por mor da súa "posición".

Pero aínda hai máis… Agora, os medios escritos supostamente galegos (eses, por exemplo, que queren "recuperar todo aquello que nos ha hecho diferentes" e o fan en castelán!) "tocan a rebato" e se prestan a defender a posición conservadora manipulando vilmente a información e tentando partillar as culpas recorrendo a prácticas que beirean a ética xornalística.

En fin, supoño que o tempo (espero que non moi tarde) poña a cada un no seu sitio.

2,71/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións