Como di meu pai, “o tempo pasa pero non o ves pasar”. Isto é o que pode ocorrer coa mina de lignito que explota Endesa en As Pontes a ceo aberto: tras trinta anos de extraer mineral para alimentar a súa central térmica, disque van deixar o lugar, máis ou menos, tal como o atoparon. Habemos ver.
O plan é pechar a chamada Mina do Tesouro o vindeiro 31 de decembro. A partir de xaneiro, e a través dun canal de 5.700 metros case rematado, a compañía eléctrica principiará a verquer no inmenso buraco auga procedente do río Eume. En total, serán 540 millóns de metros cúbicos que se transvasarán dende o leito fluvial durante catro anos ata formar o meirande lago artificial de Europa, o cal ocupará unha superficie de 8 quilómetros cadrados (así como a Illa de Arousa).
Nos últimos meses, escoitáronse voces supostamente autorizadas que defendían o lago artificial coma un auténtico dinamizador económico. Eu, agás a actividade previsible dun par de restaurantes durante as fins de semanas e o aluguer dunhas lanchas de pedais, non vexo qué outras actividades económicas se poden desenvolver a partir da nova lagoa. Os responsables do proxecto desvelaron hai pouco os plans para crear unha praia artificial, unha illa ornitolóxica e un peirao para embarcacións deportivas. Isto nun país, Galicia, con máis de 1.700 quilómetros de costa!
O transvase de auga presenta riscos importantes que paga a pena lembrar. Por suposto, o primeiro será o impacto sobre o propio caudal do río Eume e, consecuentemente, sobre a fauna e flora que vive no seu interior e na contorna. O segundo dos interrogantes será a calidade da auga que conforme o lago, pois o buraco que deixa a mina amosa unha alta presencia de pirita, mineral tóxico cuxo efecto se pretende minimizar cunha capa de arxila branca. O terceiro problema sería a contaminación por reborde das propias augas do Eume se finalmente se produce a acidificación do lago por mor da pirita. Por último temos a propia loxística da operación pois seica o seu éxito vai depender do ritmo do transvase, atopando opinións diferentes en función do técnico ou experto consultado.
Ante un novo macroproxecto de incertos efectos, altos custos e moi escasa produtividade previsible, propoñemos a seguir unha alternativa que se nos antolla máis coherente co feito a subsanar e, sobre todo, coas necesidades reais do país. Vexamos.
Visión Alternativa creadora de traballo e riqueza
As Pontes áchase a 40 quilómetros do porto exterior de Caneliñas. Logo ten unha evidente oportunidade para converterse nun importante centro loxístico. A súa localización implica unha fácil relación con sectores fundamentais para a economía galega como a construción naval, a pesca ou o agrogandeiro. A central de Endesa seguirá a funcionar a pleno rendemento pola importación de hulla asiática e polos investimentos comprometidos para abordar o ciclo combinado a partir do gas de Reganosa. As Pontes soa como posible destino da planta que veña substituír a amortizada factoría de Ence na ría de Pontevedra. Ademais, está a 25 quilómetros de Vilalba, logo terá conexión directa coas vías de alta velocidade (por estrada ou ferrocarril) do Cantábrico e de conexión coa Meseta. En resumidas contas, As Pontes reúne as condicións para virar nun dos centros neurálxicos da economía galega no inmediato futuro.
Por outra banda, Galicia leva sufrindo cando menos dez anos unha pésima planificación de solo industrial e un déficit importante de superficie nas áreas con maior potencial produtivo. A esta negativa circunstancia hai que engadir a ampla dispoñibilidade de terreo industrial no norte de Portugal a prezos extremadamente competitivos.
Por último, por máis ca o Conselleiro de Traballo insista no obxectivo do pleno emprego en tres anos, a teimuda realidade é que o noso país continúa a perder traballadores novos cada ano ao tempo que a taxa galega de actividade mantense sete puntos por debaixo da española, sendo a cuarta peor do Estado.
Así pois, se Galicia precisa crear máis postos de traballo dos que xera ao ritmo actual de actividade; se sofre unha persistente falta de solo industrial; se As Pontes supón unha localización con vantaxes salientables, e se a Mina do Tesouro carece, evidentemente, de calquera valor ecolóxico, se todo isto é así, alguén debería explicar de onde saíu a idea de asolagar oito quilómetros de solo aproveitables para usos industriais.
Por que non analizar unha opción que achegue un valor real ao noso país? Supoñamos que o lago dos oito quilómetros cadrados redúcese á súa oitava parte, co cal diminúen notablemente os riscos comentados ao comezo do artigo. Supoñamos que, por exemplo, outros dous quilómetros se deixan para zonas residenciais, de servizos (garderías entre eles) e de lecer. Supoñamos que se instala nalgún punto do lugar un centro especializado de servizos empresariais (ordenadores de gran capacidade, sistemas de xestión de telecomunicacións, asesoramento tecnolóxico, departamento de axudas...). Supoñamos que se destina o resto da superficie a grandes parques empresariais especializados en (sigo cos exemplos) loxística, enerxía e I+D enerxético, biotecnoloxía e innovación agrogandeira. Supoñamos que se reforza notablemente a OPYDE (oficina de desenvolvemento da bisbarra de As Pontes) con equipos expertos en cada un deses sectores apoiados con empresas consultoras do primeiro nivel en captación de proxectos de investimento. Supoñamos que se ofrece o solo industrial a 10 céntimos o metro cadrado (nada extraordinario tendo en conta que nestes momentos está prevista a inundación do terreo). Supoñamos que o Goberno galego entra en negociacións coas principais empresas europeas en cada un dos sectores definidos. Supoñamos que crea un gran fondo de investimento con capital propio máis as achegas das grandes empresas e dos grandes empresarios galegos, tanto os que están no país como os que andan por Cataluña, Madrid, México ou Brasil. Supoñamos que nos embarcamos nun gran proxecto de atracción de empresas de alto valor engadido e gran capacidade de creación de traballo e riqueza.
Un auténtico desafío. Complicado, evidentemente, pero se cadra, digno cando menos de estudar. Isto ou quedar mirando como van caendo os metros cúbicos de auga dende o río Eume ata o artificial lago das Pontes.
Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza