Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

Urxencias democráticas

20:05 14/03/2008

Isto da democracia ten o seu aquel. Hai eleccións que poden muda-la fasquía dun país e incluso poden altera-la dirección do mundo; eis aquelas que lle furtou o belicoso Bush ó ecolóxico Gore ás portas do novo milenio. E hai outras eleccións que mesmo sen cambiar case nada, poderían propiciar urxentes transformacións ata nos propios alicerces do sistema.

Se cadra o máis urxido arestora sexa o presidente en funcións, que dispón de seis semanas para formar un novo goberno. Nese tempo, haberá conseguir uns socios que lle permitan manexa-la nave sen excesivas derivas sobre o rumbo marcado.

Non menos urxido andará o Raxoi, quen se deu ata xuño para aviar baixo o seu mando unha casa que por catro anos se asemellou a aquela que o vulgo alcumou “da Collona”.

Por estes lares, impóñense urxencias no BNG, que debe artellar unha estratexia válida para multiplica-los apoios que recibe en cada convocatoria e que non terminan de responder ante o proxecto e o traballo da Fronte nacionalista.

Habería sentir certas urxencias outrosí o presidente Touriño agora que ante el se abre un horizonte despexado de catro anos nos que profundar no cambio timidamente iniciado e extensamente reclamado no País.

Extrema urxencia demanda tamén a reforma do sistema parlamentar español, ben para dotar ó Senado dunha función real ou ben para eliminalo de vez, por que non? É que alguén se ocupou do Senado durante a campaña electoral? Cal foi a súa contribución durante a lexislatura anterior? Tería algún impacto a súa supresión alén do substancioso aforro de cartos?

Fóra do eido estritamente político, así mesmo require un tratamento de urxencia ó propio acto da votación (insaculación coido que é o termo preciso, de cando se metía o voto nun saco como aínda fan os emigrantes hoxendía). Estas eleccións xerais déronlle as costas ás tecnoloxías emerxentes; disque máis de 20.000 árbores se terían salvado de dispoñer dalgún sistema electrónico de voto tal como hai xa no Brasil, en Estonia, na India ou Bélxica, por exemplo.

Todas estas son urxencias notorias que serán abordadas antes o despois en función da perspectiva que adopte cada un dos personaxes ou institucións atinxidas. Onde non se albisca máis perspectiva cá disciplina das matemáticas é na discriminatoria asignación de escanos que aplica a vixente lei electoral.

Déficit democrático
Antes de valorar a distribución de deputados a partir dos resultados electorais, volvamos un instante á “insaculación”. Cando unha urxencia se demora dúas décadas, deixa de ser urxencia para se tornar nunha desgraza. Iso é o voto emigrante: unha desgraza para a democracia. O voto emigrante é un voto basculante que se orienta ora á dereita ora á esquerda consonte ós pesos outorgados na balanza do poder. E así, con axentes comerciais en misións secretas, con cheques que se asinan por diante e por detrás, con viaxes que parecen romarías, os emigrantes depositan os sufraxios a prol de quen dispoña da capacidade de dispoñer. En saco, para respectar a tradición.

Para completar a desfeita, o voto emigrante tense en conta á hora de computa-los apoios en cada provincia e, xa que logo, na distribución de escanos. Porén, o mesmo voto non se considera no cálculo do número de deputados correspondente a cada provincia en función da súa poboación.

O caso é que, dun xeito máis ou menos regular, uns en saco e outros en urna, os españois de dentro e de fóra votaron. E a lei electoral cumpriuse. E con ela, perpetrouse un novo ataque á ecuanimidade democrática, ou sexa, á neutralidade do sistema.
Como ben se sabe, os escanos distribúense segundo a Lei d’Hont a partir de circunscricións provinciais. Nas eleccións pasadas, como vén sendo habitual, esta distribución supuxo unha xeira de diferenzas, ás que hai que empezar a chamar discriminacións, que beneficiaron a uns e prexudicaron a outros de acordo coa seguinte clasificación:

Partidos beneficiados: os partidos principalmente beneficiados son os dous de sempre, é dicir PSOE (10 escanos máis dos que lle corresponderían nunha distribución proporcional) e PP (7 escanos máis); o PNV (2 máis) foi o único partido nacionalista favorecido.
Partidos prexudicados: coma adoito, IU é o principal damnificado, pois queda con 2 escanos cando lle corresponderían 14. Ademais, a UPD perde 3 escanos na distribución, e tanto CiU, como BNG ou ERC perden 1 escano cada un.

O caso do BNG é especialmente significativo porque nun sistema neutral, podería acadar grupo parlamentar propio. Así mesmo é salientábel a brecha actual entre o peso do PNV e do BNG (6 contra 2) cando o peso real de cada forza é de 4 vs 3. Non fai falta (ou se cadra si) subliñar o distinto escenario que presentaría o Congreso se cada partido contase coa distribución que se derivase das urnas (e das sacas).

A aplicación das demarcacións provinciais nas eleccións xerais representa un anacronismo insostíbel, en especial tendo en conta a organización do Estado Español, e compracente coas dúas forzas hexemónicas resistentes ó cambio. A lóxica constitucional á que tanto apelan estas dúas forzas noutras ocasións debería propiciar a substitución da circunscrición provincial pola autonómica. Nese caso, partindo dos 23 deputados (sería algún máis de se considerar a poboación emigrante), o PP quedaría cos 11 que ten, o PSOE pasaría de 10 a 9 perdendo un escano que en boa lei lle correspondería ó BNG.

Algún lector dirá que estas son as contas da leiteira. Outros, pola contra, pensamos que máis ben deberían se-las contas da democracia.

4,48/5 (27 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións