Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

Con R de regresión

13:32 02/02/2008

Con R de Ratzinger, o Papa de Ratisbona. Con R de Rouco, o cardeal Reaccionario. Con R de Rajoy, o galego Renegado. A Historia está inzada de intentos de Regresión.

Os galegos temos sona de Resignados, fama de meros Receptores de acontecementos. Se así fose, non seriamos un Pobo emigrante. Se así fose, non estariamos no medio de tódalas liortas entre Retroceso e Avance.

Prisciliano foi un dos primeiros que promoveu a Revolución na Igrexa. Así Rematou, descabezado en Tréveris. Que foron Os Irmandiños senón un pioneiros na loita contra o réxime feudal? Non lembrades a Porlier, liberal galego contra o Rei absolutista aforcado no Castelo de Santo Antón? Ós Mártires de Carral, sublevados de novo contra o totalitarismo centralista, terminaron vilmente enganados e afusilados. A Rebeldía contra a inxustiza semellaba condenada ó fracaso permanente. Pero non, nada máis lonxe da Realidade.

Os intentos marcaron o camiño, a senda, o Vieiro que outros haberían continuar. Basilio Álvarez mobilizou o movemento agrario. Pablo Iglesias activou a dignidade obreira. Casares Quiroga era o xefe dun goberno que defendía os valores democráticos, o Estado laico e a sociedade librepensadora; Casares promoveu o Estatuto de Autonomía de Galicia. O máis Retrógrado dos militares opúxose. Estaba en contra da democracia, do laicismo, da liberdade de pensamento; por suposto, estaba en contra do Estatuto de Autonomía. E Resolveuno con bombas. E Restaurou o Rito Reverencial e a Represión Radical. E España volveu ser un Estado apostólico e Romano. Como propugna Rouco, como quere Rajoy; meus pobres.

Rouco será Recordado coma un cardeal Raposeiro. Rajoy Retornará ó seu Rexistro en Albacete. E Ratzinger pasará á Historia coma o que é: o Papa Rancio. Amén.

4,39/5 (28 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións