O pasado 17 de Xullo, presentouse publicamente a nova etapa do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos, IGEA. A noticia non tería maior transcendencia se non fose porque o novo presidente do IGEA resulta se-lo ex- vicepresidente da Xunta e ex-Voceiro Nacional do BNG, Anxo Quintana.
No seu primeiro discurso como novo titular do IGEA, Anxo Quintana falou coma un presidente. Falou de contribuír a ergue-la autoestima dos galegos, da necesidade de definirmos, de vez e por nós mesmos, un modelo económico e social para Galicia, de atraer opinións plurais e libres e de crear unha auténtica factoría de ideas no seo dun centro aberto á participación de todos aqueles con vontade de colaboración.
Anxo Quintana non mudou de formas nin de contido. Segue falando, por exemplo, de Galiza, fiel a esa consigna da fronte nacionalista que tanto empece (non o saben ben!) o seu achegamento á maioría social do País. O resto do discurso insiste nos factores esenciais sobre os que pilotou “Quin” a súa traxectoria política: autoestima, sinónimo de dignidade e autogoberno; modelo, antónimo de improvisación e minifundio mental; pluralidade, contrario ó pensamento único; espazos abertos, cuxas únicas fronteiras sexan a tolerancia e o ben común.
Os cidadáns deste País que algúns pretenden reducir a rexión ou provincia, non albiscan ningún de tales factores no goberno onde xa non está Quintana, todo o contrario. Ven indignidade, auto-negación, fórmulas curtopracistas, entreguismo, intereses privados, pensamento único... Tralo duro exercicio de hipnotismo electoral, “Feijóo & Co.” decidiron emprende-la fase avanzada do tratamento, a lobotomización democrática, por agora con magníficos resultados segundo indican as eleccións europeas e as sondaxes publicadas estes días.
Pola súa banda, a dirección do BNG que así mesmo houbo abandonar Anxo Quintana, tampouco non semella entusiasta do ideario do seu anterior Voceiro Nacional. As contradicións internas nunca abordadas, a introversión funcional, a xordeira respecto da evolución dos eleitores, a indefinición ideolóxica, a falta de convición na acción política e a falla evidente de liderado, están condenando o BNG ben á marxinalidade, ben á escisión.
O momento de emerxencia no que se atopa Galicia, ese cruzamento de camiños do cal haberá de saír un País orgulloso ou vencido, con ferramentas propias ou sometido, respectuoso co medio ou estragado, aberto ó futuro ou entregado, esa complexa conxuntura esixe do BNG un protagonismo que non está en condicións de alcanzar hoxe en día. Guillerme nin é, nin moito menos será, o líder do revulsivo necesario; Carlos mantense nesa media distancia habitualmente estéril; Teresa, a esperanza de moitos, agarda a oportunidade sen saber se chegará. E Anxo, Quin, continúa a facer discursos de presidente. O escenario era o Instituto; porén, daba a impresión de se-lo goberno o que lle bulía pola cabeza.
Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza