Sendo sinceros, coido que ninguén sabe o que tal facer para atalla-los efectos desta crise de múltiples raíces e compoñentes. Se xa é difícil loitar contra unha crise meramente cíclica, non digamos ante outra con factores e condicionantes inéditos.
Así e todo, algo haberá que facer. Cúmprese un ano dende aquel episodio de orixe ianqui e nome estraño, propio dunha novela policiaca, “a burbulla das hipotecas subprime”, e as cousas non fixeron máis que evolucionar a peor. O colapso é de tal magnitude que ata fai cae-los mitos.
Os megasofisticados mercados financeiros nin sequera puideron separa-lo gran da palla; as autoridades monetarias, tan sobrias elas, tan autosuficientes, non son quen de identifica-las bolsas de risco; as axencias de cualificación sempre dispostas a xogar na ruleta das vaidades, agóchanse agora dos medios e dos investidores; as bolsas do mundo que prometían beneficios sen fin perden tanto coma os desmemoriados non recordan; a “Europa unida xamais será vencida” anda buscando consolo ó outro lado do Atlántico; as vivendas que nunca baixaban de prezo ofrecen descontos do troncampico por certo; a inflación no novo sistema económico mundial globalizado, que se mantería por debaixo do 2%, galopa desbocada; o superávit das contas públicas que propiciaría a unión monetaria europea resulta xa unha quimera; os gobernos sen rival que ían durar 100 anos convocarán eleccións (xa veremos) en 10 meses; os partidos que se sentían robustos e invencibles enrédanse en arañeiras sen saída; o presidente que sempre sorrí... non, ese segue a sorrir, ese si vai camiño do mito.
Cando caen os mitos, ¿que nos queda ós pobres humanos de carne e óso? Algúns destes humanos de carne e óso, ousados analistas, propoñen medidas, e resulta que a máis nomeada, a que acadaría a mellor puntuación nun concurso televisivo de ousados analistas, é... o control do salario dos traballadores! O razoamento non ofrece dúbidas: se os ingresos se reducen (estamos en crise), haberá que baixa-los custos laborais para non ter que poñer tantos empregados na rúa. Irrefutable!
Na miña terra, a isto chámano simpleza, ademais de lindar perigosamente coa chantaxe. Tentemos engadir algún outro elemento á análise. Reducindo as rendas do traballador, poden manterse os marxes empresariais e, xa que logo, a súa capacidade de investimento, ademais de que, previsiblemente, diminúe a carga para o Estado da prestación por desemprego. En troques, o traballador perde nivel de benestar e capacidade do consumo. Así pois, se a demanda interna (o consumo) decrece, os investimentos empresariais terían menos xustificación.
Ante situacións como as que vivimos, non valen atallos. Velaí o exemplo de Estados Unidos, que se lanzou a un forte paquete fiscal de relanzamento económico o cal conseguiu, basicamente, eleva-lo déficit público ó 3,5%, apoiado polo recorte brutal do tipo de xuro da Reserva Federal, que perdeu calquera marxe de actuación futura. Medidas precipitadas, de shock, que non conseguiron o obxectivo de evita-lo estancamento.
A economía debe procurar mante-los equilibrios, esa é a gran cuestión. Hai voces que propoñen recupera-lo consenso daqueles Pactos da Moncloa da transición. Malia ser tempos ben distintos, a idea non é mala. Permitiría acouta-los beneficios empresariais asumindo a moderación dos prezos, reforza-lo control das cadeas de distribución e reduci-los niveis de intermediación, fixar unha banda de déficit público para estes anos de crise e avanzar na eficiencia da economía.
Ser eficientes significa reduci-los custos de produción, produci-la mesma cantidade con menos recursos. E isto hai que conseguilo sen afecta-lo nivel retributivo dos empregos. Como? Pois investindo en tecnoloxía de proceso e promovendo operacións corporativas.
Investir en tecnoloxía é a receita tópica das últimas décadas. Sen embargo, os investimentos dedicáronse en boa parte ás tecnoloxías da información, por suposto necesarias, e de produto á busca da innovación que permitise segui-la carreira do consumo. Pero estamos en tempos de crise. A clave agora non é desenvolve-lo artigo máis “rompedor” senón o que aforre recursos, e producilo, ademais, de xeito máis económico. Ou sexa, tecnoloxía de proceso para mellora-la produtividade das nosas empresas e, xa que logo, a súa competitividade, isto é, a súa capacidade de competir nos mercados abertos.
Pero unha crise debe propiciar outro tipo de accións. Falamos da reestruturación dos sectores de actividade ó obxecto de xerar economías de escala (aforros de custo por maior dimensión das empresas) e aumenta-la capacidade de negociación fronte a provedores e clientes. Galicia a penas ofrece uns poucos exemplos de operacións corporativas, de fusións ou adquisicións de empresas (foráneas ou galegas), compra parcial de unidades ou integración vertical dentro da cadea produtiva. Esta falta de hábito de realizarmos operacións corporativas é unha das eivas importantes da nosa dinámica económica.
Tendo en conta a configuración do tecido produtivo galego e a tendencia globalizadora dos mercados, non queda outra que investigar posibles accións neste sentido: fusións, adquisicións, agrupacións temporais, empresas mixtas, cooperativas... A nosa economía precisa activar este tipo de prácticas polas súas propias características endóxenas. A confirmación da crise fai que a implantación delas tórnase urxente.
Lembremos que as compañías que sobreviven ás crises son máis fortes e quedan mellor preparadas para a contenda competitiva. Claro que tal aseveración tamén podería ser un mito.
Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza