Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

Cataluña bilingüe, Galicia diglósica

20:00 05/06/2008

As culturas asiáticas, ó igual cás súas economías, están a ocupar un espazo cada día meirande nas sociedades occidentais. Máis vale que nos vaiamos afacendo porque se trata dunha tendencia imparábel. Para predicarmos co exemplo, velaquí un deses proverbios chineses tan acaídos para calquera ocasión: “A cultura é coma un barco que navega contra corrente: se non avanza, retrocede”. Seica Cataluña coñecía o tal proverbio de antigo; nós parece que non o damos aprendido.

Hoxe vai de citas. Uns días atrás, Rosa Montero, escritora madrileña non da miña devoción, escribiu isto: “Unha lingua é algo extraordinario, é un dos maiores logros da mente humana. Un logro colectivo. Asombra todo ese enxeño, esa creatividade, ese esforzo investido por unha comunidade durante milenios non só para crear unha ferramenta de comunicación eficaz, senón tamén para dar forma ós seus soños e ós seus medos, á súa maneira de ve-lo mundo. Unha maneira única, porque cada lingua é unha tradución da realidade. E todo iso, todo, xunto ás memorias dos antergos, os contos que as nais contaban ós nenos, as cancións e os rezos, desaparecen caladamente para sempre cando morre unha lingua, e ó pouco é como se ese pobo nunca tivera existido.”

Un sinte a tentación de pechar aquí a súa colaboración para non perde-lo efecto das fermosas, rotundas e atinadas palabras da Montero: “...e ó pouco é como se ese pobo nunca tivera existido.” Ás veces, en soidade, na intimidade que propicia o silencio, pregúntome polo papel que cada quen debe xogar neste mundo, pola función que haberemos desenvolver. E chego á conclusión de que a fin última da nosa existencia é a continuidade, de que a nosa misión exclusiva é participarmos na cadea continua da especie, de que a nosa única función é garantirmos a permanencia da esencia do noso ser e da nosa colectividade.

Galicia é un país que terma do pasado, unha nación que agarima os seus devanceiros, un pobo que transmite a tradición de xeración en xeración. Así, cando menos, foino ata os tempos modernos, estes tempos marcados pola comunicación audiovisual masificada, a globalización uniformante e o predominio absoluto das regras do mercado. A presión destes factores, entre outros, está a provoca-lo retroceso das linguas minoritarias. No mesmo artigo mencionado anteriormente, achégase un dato arrepiante: das 7.000 linguas faladas hoxendía no planeta, a metade áchanse en risco de extinción. Entre elas, o galego; non o está, porén, o catalán. Seica a acción dos distintos gobernos durante as últimas décadas ten moito que ver na distinta situación de ámbalas dúas linguas.

Comparativa lingüística

O presidente do Goberno galego acaba de admiti-la feble situación da lingua galega e, na mesma entrevista, afirma que é preciso tomar medidas prudentes para evitar caer no problema de Cataluña. E un fica abraiado, ou sexa, pasmado, atónito, con tal afirmación, publicada ademais en letra impresa. Xa que logo, segundo o presidente do Goberno galego, Cataluña ten un problema co seu idioma, que se amosa san e vizoso, e Galicia debe ser prudente promocionando o seu inda que estea en perigo de desaparición.
Desbotando a falta de intelixencia como causa da sorprendente observación do presidente Touriño, non queda máis ca recorrer á súa falta de convición, posible atendendo á precariedade das medidas a prol do galego tomadas nestes tres anos, ou ben ó seu descoñecemento da realidade. Por razóns persoais, coñezo ben a situación lingüística no curruncho leste da península, así pois podo comparar con certa lexitimidade a situación en ámbolos dous países:

En primeiro lugar, na Cataluña bilingüe, os pais falan catalán ós fillos, moitas veces mesmo cando entre eles falen castelán; na Galicia diglósica, a maioría dos pais inda falan galego entre eles pero relaciónanse en castelán cos fillos.

Na Cataluña bilingüe, os nenos, rapaces e mozos falan catalán na escola e nos xogos, nas cidades e nas vilas, nas contornas familiares e nas neutras. Na Galicia diglósica, a meirande parte dos rapaces a penas fala galego agás na clase de galego.

Os comercios da Cataluña bilingüe amosan os seus rótulos, letreiros e facturas en catalán e, algúns, en catalán e castelán. A gran maioría dos comercios na Galicia diglósica presentan a información exclusivamente en castelán.

Calquera restaurante da Cataluña bilingüe ofrece os menús en catalán e un elevado número deles outrosí en castelán. Na Galicia diglósica, atopar unha carta ou menú en galego resulta un labor pouco menos ca imposible.

Os servizos de atención ó cliente na Cataluña bilingüe adoitan inicia-las comunicacións en catalán e os empregados están sempre preparados para continua-las conversas na lingua propia. Na Galicia diglósica, a maioría dos departamentos de atención ó cliente teñen o castelán como idioma principal e en moitas ocasións non hai maneira de obtermos unha atención en galego.

Na empresa da Cataluña bilingüe, os formularios redáctanse en catalán e as reunións e negociacións celébranse no mesmo idioma agás que haxa representantes doutros países ou lugares. Podo da-lo meu propio exemplo profesional para ilustra-la situación da empresa na Galicia diglósica: en máis de 20 anos de traxectoria, coido ter asistido unicamente a dúas xuntanzas profesionais nas que o idioma preferente foi o galego.

Na Cataluña bilingüe, un telespectador pode ver case tantas cadeas de televisión en catalán coma en castelán, sendo o catalán o idioma que domina o espectro radiofónico. Na Galicia diglósica, temos un só canal TV en galego e atopar algunha emisora de radio no idioma do país ademais da RG éche unha angueira ben complicada.

Na Cataluña bilingüe, chaman Joan ós Juanes, Jordi ós Jorges e Angels ás Angeles. Sempre. Na Galicia diglósica, chamamos Juan ós Xoanes, Jorge ós Xurxos e Angeles ás Anxos. E non só iso: cambiáronnos os apelidos á forza e aí seguimos, disciplinados, apelidando Gesteira, Tojeiro ou Ameijeiras ós nosos fillos.

Na Cataluña bilingüe, preséntanse dúas persoas utilizando o catalán dende o principio, asumindo que o seu é o idioma natural de comunicación. Na Galicia diglósica, pártese sempre do castelán como lingua máis probábel agás que un dos personaxes exerza de lingüista militante.

Por último, para non aburrir, na Cataluña bilingüe fálase un catalán de calidade, co léxico e expresións propias e sen a penas castelanismos. Na Galicia diglósica, o nivel de calidade do galego é demasiadas veces deplorábel, tendo mesmo que renunciar ó léxico propio para evitar reaccións imprevistas no interlocutor.

Permítaseme engadir un par de anécdotas de hai ben pouco como guinda da relación anterior:
Monforte, visita á Torre da Homenaxe dos Condes de Lemos. A guía vai rematando a visita, que se desenvolve en galego (un galego regular, por certo); nós, miña muller e máis eu, os únicos visitantes. Chega un grupo de rapaces, entre 12 e 14 anos. De Quiroga. A guía vira ó castelán. Non podo reprimirme e pregúntolle: “por que non segues en galego?” “O costume, o deles e o meu”, contesta. En realidade, ela di “a costume”.

Barcelona, patio exterior do Museo do Chocolate. Un grupo de rapaces, calcúlolles entre os 8 e os 10 anos, nun obradoiro de repostería. Vou con alguén que entende perfectamente o catalán tras oito meses de estadía en Cataluña. Confirmamos o uso unánime do catalán e o emprego completo do léxico propio para denomina-los ingredientes, receitas e utensilios.

En resumidas contas, en Cataluña vívese maioritariamente en catalán inda que tamén se pode vivir en castelán. En Galicia, vívese completamente en castelán e resulta imposible vivirmos enteiramente en galego. Quen decida ser prudente para evitar en Galicia os problemas de Cataluña, coido que ignora penosamente os problemas do galego. Cómpre lembrarmos a advertencia do aforismo chinés: “se unha cultura non avanza, retrocede.” Se retrocede continuamente, desaparece. E eu sigo pensando, en soidade, que a nosa principal función neste mundo é a de garantírmo-la continuidade das nosas esencias.

4,66/5 (85 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións