Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A CERNA DO XALUNDES

Verdade e mentiras sobre a banca

09:32 09/02/2009

Aviso previo: este artigo non lle vai gustar case a ninguén (a Zapatero tampouco lle gustaría se o lese). Dato previo: en España, hai 280.000 traballadores no sector financeiro (inda que a cifra para Galicia non está dispoñible, poderíanse estimar uns 15.000 empregados bancarios no País).

Nunca se falou tanto sobre a banca, un “debate” propiciado polas ganas de contaminar dalgúns e pola frustración doutros (o goberno español está en ámbolos dous bandos, desesperado e contaminando). Propoño a seguir un test daqueles que facían as revistas de antes: VERDADEIRO ou FALSO.

Acusación: a Banca é a culpable da crise en España. Se en algo coincide a maioría dos opinantes é na multiplicidade das raíces que amosa esta crise. Unha delas, a especulación financeira a través de produtos opacos que propiciaron variacións inaturábeis en prezos de artigos básicos e a valoración fiticia de moitos activos. Estes produtos opacos foron creados, na súa gran maioría, por bancos de investimento norteamericanos hoxe en día desaparecidos ou reconvertidos. O resto de causas desta crise son de natureza económica, non financeira. Así pois a acusación é, basicamente, FALSA.

Acusación: a Banca foi a causante da crise inmobiliaria. A burbulla inmobiliaria cebouse en España durante os últimos 15 anos sobre a base da “errática” política de solo dos gobernos, a permisividade das autoridades locais, a cobiza das empresas promotoras e turísticas, o carácter especulativo dos investimentos, os estímulos fiscais, uns tipos de xuro pertinazmente baixos e, tamén, a deficiente política de risco das entidades financeiras nos últimos exercicios. Así pois, a acusación é, maiormente, FALSA.

Acusación: a Banca non permite a recuperación porque non concede crédito. En 2007, a economía española medrou un 3,7% e o crédito creceu un 17%. En 2008, cun crecemento do 1,8%, o crédito aumentou un 7%, ou sexa, proporción similar malia o risco financeiro no último ano ser moi superior ca en 2007. Non esquezamos que a función esencial da banca é a xestión do risco na economía, ou sexa, peneira-los proxectos viables. Se o fai mal, as insolvencias medran e as entidades quebran. Ademais, hai outra cuestión básica: cal é o negocio da banca? Intermediar fondos; se non concede créditos, non obtén beneficios e máis cuns tipos de xuro no 2%. Así pois, a acusación é, ademais de incoherente, FALSA.

Acusación: a Banca está a recibir axudas do Goberno que debería devolver á sociedade. Distingamos entre axuda e financiamento. Unha axuda é a entrega dunha contía a fondo perdido ou en condicións vantaxosas de devolución; financiamento é un crédito polo que se cobra o tipo de xuro correspondente. O Goberno artellou sistemas de garantía e financiamento que substituísen os mercados mentres estes se manteñan pechados, polos cales cobra un prezo obxectivo. Bancos norteamericanos, alemáns, ingleses e holandeses si recibiron achegas no capital de cadanseu goberno. En España, moitos sectores reciben adoito axudas con fins perfectamente xustificadas: innovación, tecnoloxía, internacionalización… ou crise, por exemplo. Así pois a acusación é, outrosí, FALSA.

Nunca recordo a autoría das frases que me parecen dignas de arquivar no almacén da memoria. Tampouco a desta: “o segredo para non fracasar é atopar sempre unha boa escusa.” O máis doado ante o fracaso masivo e continuado é buscar causantes externos do fracaso, escusas, mesmo sendo tan arteiras (e perigosas) coma esta. A Banca e os banqueiros merecen, abofé, moitas acusacións, pero non a de se-lo axente principal desta crise. Esa acusación é, síntoo, FALSA.

3,31/5 (29 votos)



Marcelino Fernández Mallo

Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza



Máis opinións