Non se coñece goberno como este galego que máis precisase da cortesía dos 100 días. Con algunha honrosa excepción, os conselleiros forman un grupo inconexo de aprendices desorientados que, por non saberen, nin parecen saber cales son os problemas principais que deben abordar.
E se hai un asunto, que os hai a moreas, nos que a acción (por chamala dalgunha maneira) deste goberno vai descarreirada, ese asunto é o tratamento da nosa lingua. Nun artigo anterior, procuramos analiza-la que podería ser política lingüística auspiciada polo Sr. Feijóo. O presidente porfía na súa teima da que el denomina “liberdade lingüística” no que supón unha aberrante manipulación semántica da realidade e unha demostración de inopinado descoñecemento do marco xurídico deste País e mesmo das obrigas do primeiro representante das súas institucións.
A andrómena agora vén sendo a consulta ós pais. Tras lle dar algunhas voltas a este asunto, cheguei á conclusión de que fan vostedes ben consultando ós pais. De feito, eu propóñolles que consulten tamén ós avós, e ós tíos, e os tíos-avós cos que os nenos comparten a cea de Nadal, e ós irmáns e curmáns cos que xogan, e pola mesma razón ós amigos incluso se teñen algún no rural, e mesmo ós veciños cos que se cruzan no relanzo e nas escaleiras, e ós profesores que lles imparten as aulas, e ó persoal administrativo das escolas, e ás limpadores e limpadores, que estes de seguro utilizan a lingua galega… Consulten vostedes a tódolos segmentos de poboación atinxidos e fagan a oportuna parametrización por ámbitos, provincias, tamaños de poboación, sexo, idade e profesión. Contraten unha empresa de sondaxe (apostaría por unha en concreto), definan a mostra e o universo, desenvolvan a enquisa, debúllena de acordo ás distintas variables estatísticas, analícena, cocíñena ó seu gusto, e publiquen as conclusións nun libro a distribuír entre tódolos institutos, colexios e asociacións do País. Fágano e paguen despois a factura, pois iso é todo o que poderán facer coa súa consulta. Tamén poderán utilizala de bandeira ante os medios e os electores, interpretando os resultados segundo o seu modo e maneira. E ata aquí. Porque, Sr. Feijóo, unha consulta aos pais carece de calquera valor lexislativo, executivo ou funcional. Se vostedes, de acordo ás súas propias manifestacións, non se senten obrigados polo Plan de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade polo Parlamento Galego, e con vostede de vicepresidente!, ¿como demo se van sentir vinculados a unha consulta fóra de todo control xurídico na cal nin o contido, nin a articulación nin o resultado están contemplados en ningún regulamento? Pero ¿que clase de goberno é o seu que desbota acordos unánimes da máxima representación do Pobo e apela a estrafalarias consultas de deseño imposible?
Avancemos, Sr. Feijóo: que lles vai preguntar ós pais? En que idioma prefiren a educación dos fillos? En que lingua desexan cada unha das materias? Cantas horas lle van dedicar ó galego e cantas ó castelán? E ó inglés? E despois, cando teña os resultados, que vai facer vostede: a media aritmética de horas por colexio? A media por poboación? A media por curso? A media por idade? Ou decidirase a lingua en función dos resultados en cada materia, en cada curso, en cada colexio, en cada colectivo e en cada localidade? Ou creará vostede un ensino por porcentaxes de uso da lingua galega? E que pasa se hai pais que prefiren o ensino en tagalo? Porque, Sr. Feijóo, os dereitos son individuais, non colectivos. Se vostede renuncia á responsabilidade da Administración organiza-lo ensino en Galicia e converte esa responsabilidade pública nun dereito privado dos pais, ese dereito pasa a ser individual co cal cada pai poderá elixi-lo uso das linguas na educación dos seus fillos.
Por riba de todo, Sr. Feijóo, preguntámosllo unha e outra vez: como pensa garanti-lo dereito de tódolos rapaces e mozos de Galicia a ser capaces de fala-la súa lingua? Ou pensa simplemente actuar en contra da lei?
Free, Sr. Feijóo, detéñase, alente, peche os ollos, reflexione e comece de novo. Se continúa por ese camiño, vaise estrelar e, o peor de todo, vai provocar unha convulsión social de difícil retorno. O pobo galego, sábeo vostede, é extraordinariamente paciente e xeneroso. Concederalle tempo para artellar unha política lingüística acorde coas necesidades do País e coa situación da nosa lingua fóra das presións de grupos de xénese escura. E pregunte os pais, claro que si, ou mellor, pregunte os cidadáns; pregúntelles, tanto se teñen fillos como se non, cales son os asuntos que máis lles preocupan, cales son as cuestións que requiren unha atención preferente do seu goberno. E principie vostede a gobernar de vez: ten unha morea de problemas ben importantes, e algúns que lle veñen enriba se cadra de tanto ou máis calado, como para que vostede se entreteña en crear conflitos artificiais. Recapacite, Sr. Feijóo.
Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza