O Concello da Coruña vén de distribuír un folleto baixo o título "Tú eres lo más importante". Coido que se eu fose o máis importante, teríanse dirixido a min na miña fala. Pero non, o folleto é exclusivo para castelán-falantes. En fin, este artigo non vai do tratamento que as nosas institucións lle atribúén ao idioma do país; este artigo vai sobre Traballo.
O deseño do antedito folleto reflite dunha maneira ben significativa o papel que os Concellos asumen na creación de traballo, ou sexa, emprego para os seus cidadáns e riqueza para o seu territorio. O documento clasifícase en oito apartados, que son (traducidos) os seguintes: Benestar e cooperación, Medio Ambiente e sostibilidade, Infraestruturas, Vivenda, rehabilitación e urbanismo, Tráfico, transporte e mobilidade urbana, Seguridade cidadá e Innovación e desenvolvemento tecnolóxico.
Onde queda a política de emprego?, preguntaranse. Onde están as iniciativas para atraer investimentos? Onde están as medidas para facilitar o asentamento (cando non a promoción) de proxectos empresariais? Algúns inocentes mirarán cara ao apartado de (volvo traducir) "Innovación e desenvolvemento tecnolóxico". Tiro errado: como iniciativa estrela dese apartado amósase a "Tarxeta Millennium" para pagar en autobuses e museos; sublíñanse ademais outros proxectos coma a administración electrónica, os servizos móbiles e a informatización de centros municipais, todo moi interesante dende o punto de vista da automatización dos servizos pero de valor nulo dende a perspectiva da innovación (innovar é algo máis) e, dende logo, con cero capacidade para a creazón de postos de traballo.
Outros avezados lectores poderían sinalar o apartado de Infraestruturas por entenderen que nel se recollerían iniciativas vencelladas á captación de proxectos industriais ou mesmo tecnolóxicos. Novo erro: ese apartado se distribúe en catro seccións, que son concretamente as Vías públicas, o Alumeado, os Mercados e os Parques, xardíns e praias. Pouco que facer tamén por esta banda… Por certo, a portada do apartado amosa un home moi ledo cunhas bolsas de "shopping" na man…
Se ten vostede acceso ao folleto, debería consultar as páxinas de Benestar e cooperación, cuxa portada ilustra unha encantadora parella de xubilados apoiados no Centro Cívico de Monelos. Disque "unha imaxe vale máis ca 1.000 palabras": nunca se atopará un exemplo máis acaído ao lema popular… O apartado de Benestar e cooperación partíllase en (sigo traducindo) Servizos sociais, Educación, Deportes, Cultura, Bibliotecas, Emprego e Museos Científicos. Parabéns, por fin deu atopado o Emprego (unha difícil angueira), entre as bibliotecas (tripla orzamento que emprego) e os museos científicos (multiplica por catro a contía dedicada a traballo). A anecdótica cifra da sección Emprego diríxese basicamente á organización de cursos de formación ocupacional… (tampouco daría para moito máis).
Esta asignación do minguado epígrafe dentro de Benestar e cooperación lémbrame o organigrama da Xunta que puña de manifesto as intencións do novo goberno na priorización dos recursos e dos esforzos. Aquel organigrama aínda vixente creara unha especie de minigoberno paralelo centrado nos servizos sociais ante o cal cabería a pregunta: que mellor servizo para a sociedade que a creazón de emprego? (consúltese Benestar ou traballo para maior información).
O Concello da Coruña non é, evidentemente, unha excepción. A política municipal adoita ignorar a promoción de proxectos empresariais e a atracción de capital produtivo entendendo que ese labor corresponde a outras instancias (supoño eu). E así as súas concellerías enchen o programa de actividades con ideas tan orixinais coma paseos fluviais ou marítimos, a organización de festas, a apertura de museos de temática universal, a concesión de licencias urbanísticas ou a apertura de centros comerciais.
Disque os concelleiros galegos educáronse na cultura do gasto, da obra de fachada, do ritual da inauguración. Concelleiros que pasean polas súas vilas e cidades asignando cartos e partidas aló onde ven un roto ou un descosido, saudando coas mans ben abertas para a captación do voto visual, do voto dos que fican contentos cando lles amañan a randeeira da esquina.
Os Concellos ignoran sistematicamente o principal problema dos seus cidadáns. Podería recorrer ás estatísticas, pero prefiro utilizar a memoria. Véñenme á cabeza neste momento o meu irmán, varios curmáns e curmás, amigos, algún ex-compañeiro, un par de veciños e ata (un vai cumprindo anos) un sobriño e o fillo dalgún amigo. Podo citar dun golpe máis de vinte galegos do meu círculo de relación que houberon marchar contra a súa vontade por falta de alternativas laborais no país.
A algúns políticos municipais non parecen preocuparlles as estatísticas de galegos emigrados (arredor de 20.000 ao ano) nin semella que os mozos ("xoves" como din na Xunta) do seu círculo sofran as dificultades para atoparen un posto digno de traballo. Seica nese o seu círculo haxa outras facilidades... O caso é que preto do 70% dos Concellos galegos perden poboación e as respectivas Corporacións non fan nada por evitalo. Seica esperan que sexa a Xunta, o Estado ou a Unión Europea quen lles resolva este problema que é un problema de supervivencia.
Claro que se volvemos de novo á vista cara á Xunta, petaremos (unha e mil veces) coa Cidade da Cultura. Facendo uns numeriños sinxelos, podemos estimar que cos 400 millóns de euros dedicados a esta obra faraónica poderíanse financiar arredor de 2.000 proxectos produtivos de tamaño interesante. Utilizando variábeis de supervivencia e crecemento empresarial, estes proxectos poderían crear arredor de 40.000 postos de traballo (directos e indirectos) nun prazo de 5-6 anos, unha cifra con capacidade de incidir na tendencia demográfica de moitos Concellos galegos.
Pero non, o político galego ten corpo de festa, alma de parque de atraccións. E así comprenderemos que onde estaba a mina de lignito de As Pontes, unha enorme superficie de 820 hectáreas, se proxecte a creación dun lago natural coa auga do río Eume (pobres os nosos ríos, que maneira de espolialos!). Naturalmente, non estou en condicións de valorar o efecto ecolóxico da iniciativa, pero si de considerar a alternativa de aproveitar esa gran superficie para usos empresariais nun país que non pode aceptar proxectos e investimentos por falta de solo industrial. As Pontes, a poucos quilómetros do Porto exterior de Ferrol e con conexión directa á Autoestrada do Cantábrico (cando estea rematada, evidentemente), podería ser un lugar axeitado para a implantación dun centro económico que funcionase como forza motriz da zona.
Como se ve, as actuacións das distintas institucións non parecen ter o obxectivo do Traballo como unha das súas prioridades. Canto máis os pequenos Concellos (algúns por debaixo dos 5.000 habitantes) que bastante fan con pagar o señor Alcalde. Velaí outra das graves eivas da organización municipal en Galicia. Con 315 Concellos difícil resulta artellar unha política municipal que prime a xeración de riqueza. A saída máis "lóxica e xustificábel" é a concesión de licencias urbanísticas como fonte de financiación. Esta frase, que ata pode soar razoábel a algúns, representa un dos grandes problemas do país, a típica estratexia de "pan para hoxe e fame para mañá".
Seica está en crise o modelo recadatorio baseado na construción indiscriminada, que deixaba cartos nas arcas municipais (e tamén nalgunhas personais). Claro que tamén esixía gastar fondos en infraestruturas que deran cobertura ás urbanizacións baleiras; ben, agora que ese modelo entra (ou iso parece) en devalo, non vai quedar outra que tirar das empresas. Xa que logo, a alternativa ao disparate urbanístico podería ser precisamente a atracción de polos de investimento produtivo (tecnolóxico, cultural, turístico, industrial…) como ocorre nos países da Europa nórdica e central que asignan aos gobernos locais a encomenda do crecemento económico dentro do seu ámbito.
Pero para que isto sexa posíbel no noso país, requirimos a intervención doutras políticas de igual envergadura que complementen os programas económicos. Fundamental resulta a política territorial que permita a agrupación de municipios, así como e a política institucional (administracións públicas) que facilite a xestión conxunta dos seus programas e presupostos e a asociación de intereses para proxectos concretos. Dentro deste apartado, habería que revisar asemade o papel das deputacións, eses organismos que só se entenden e xustifican sobre a base da incapacidade dos concellos. Cal é a función que xogan as deputacións na creación de riqueza? Cal na xeración de postos de traballo? Que sentido terían estas institucións se os concellos tivesen unha mínima capacidade de xestión? Por certo, como pode permitirse que un presidente de deputación provincial supere folgadamente o salario do presidente da Xunta?
Velaquí quedan un conxunto de reflexións verbo do rol das institucións locais no crecemento económico. O artigo comezou cun folleto e rematou coa organización das administracións e do territorio. No medio queda toda unha xeira de accións a emprender. Esperemos velas nos programas políticos das vindeiras eleccións municipais.
Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola UNED e MBA polo IMD, Escola de Negocios de Lausana. Desenvolveu a meirande parte da súa carreira profesional no sector financeiro galego. Publicou o ensaio "De la Peseta al Euro", o libro de relatos "Cabilia" e as novelas "A Trenza" e "Klásicos" Mantén a bitácora persoal A trenza